OurenseÚltima hora

O Festival Internacional de Teatro de Ourense comeza mañá a 14ª edición con actos na capital e en Barbadás

Desenvolverase do 14 ao 24 de outubro nas rúas, no CEIP Mestre Vide e no Teatro Principal, ademais de na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás

Presentación do XIV FITO.

 

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) regresará ao encontro do público do 14 ao 24 de outubro coa 14ª edición tanto na capital ourensá como en Barbadás. Unha cita organizada pola compañía Sarabela Teatro, beneficiaria dunha das nove subvencións outorgadas en 2020 pola Xunta a partir da convocatoria para mostras de artes escénicas de carácter profesional.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou os representantes da organización e do resto de entidades colaboradoras na presentación desta carteleira, que desta volta pon o acento nos artistas locais. O FITO programará unha decena de compañías de teatro e danza, entre as que tamén se atopan varios referentes da escena galega e española, ademais da colombiana Paula Malik e a portuguesa Boca de Çao.

O Teatro Principal de Ourense repite como escenario central do FITO, que este ano tamén ofrecerá funcións no CEIP Mestre Vide, na Alameda e nos arredores da Praza de Abastos ourensá, e na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás.

 

Presentación do 14º FITO.

 

A representación galega nesta 14ª edición corre a cargo da Cía. Furia Sotelo, que estreará aquí a peza Mortais e vulnerables; Artesacía con As illas desertas, Teatro do Atlántico con Libre coma os paxaros, Producións Teatrais Excéntricas con Estrela do día e Marta Alonso Tejada con Bailar agora. Ademais, desde Madrid chegará a Compañía Viejas Promesas con Katana e desde Castela e León Imaginart Teatro con Senda sobre rodas.

Como actividade paralela, o Festival Internacional de Teatro de Ourense pon en marcha este ano a iniciativa 67 Graos, Ourense Efervescénica, a través da que se outorgarán cinco bolsas de creación para outros tantos proxectos escénicos e un premio do público.

 

 

O XIV Festival Internacional de Teatro de Ourense (Fito) arranca mañá a súa programación no Teatro Principal de Ourense co espectáculo Katana, da compañía madrileña Viejas Promesas. A obra, que parte do coñecido como crime da katana, é, segundo indican os seus promotores, “unha reflexión sobre a maldade, sobre a fascinación e a obsesión por dotar de sentido aquilo que non o ten”.

Máis información na web do FITO.

Artigos relacionados

Back to top button