Un ano máis Viana do Bolo honraba á patroa da música, Santa Cecilia, co festival organizado pola Coral Polifónica Candea que, na tarde deste sábado 18 de novembro, enchía a Casa da Cultura da vila.
O evento musical comezaba en torno ás sete da tarde e, presentado por dúas nenas da Banda de Música Candea, seguía o programa establecido. Os primeiros en subirse ao escenario eran os membros da Coral de Quiroga, despois facíano os da Coral de Riós e a Coral Polifónica Candea que actuaba soa e tamén acompañada pola Banda de Música. Cada coral interpretaba tres pezas e finalmente actuaban todos xuntos.
No turno de agasallos (cada coral recibía unha cesta por xentileza do Concello) chegaba tamén o momento dos agradecementos no que Mª Jesús Movilla non se esqueceu de ninguén. Empezando polos coros participantes e por suposto o público, ata os nenos da banda “que son o futuro”, dixo, sen esquecer ao Concello “sen o cal non tería sido posible”. De feito, ao festival asistían varios membros da corporación municipal, entre eles o alcalde Andrés Montesinos.
O momento máis emotivo do evento protagonizábao Juan Antonio Pinza, un dos fundadores da Coral Candea que era convidado a subir ao escenario para dedicar unha palabras ao público. Alí, visiblemente emocionado, Pinza lembrou os comezos da coral “en Viana e na Gudiña hai xa moitos anos, onde non se coñecía a música harmónica de varias voces, a música polifónica”, dixo. A primeira actuación que tiveron foi na igrexa “á que acudía o bispo de Astorga daquela época e cando saímos algúns dicían, “bo, canta cada un para o seu lado”, anécdota que demostra o descoñecemento ata ese momento da música a catro voces, e que espertou un gran aplausos entre as risas do público.
Agradecendo a presenza de todos os asistentes e desexando seguir por moitos anos con alegría, Pinza asegurou que “é unha honra para min ver hoxe esta actuación tan grandiosa e apoteósica”.
Fotos: Carlos G. Hervella.