En portadaÚltima hora

O FIC Vía XIV de Verín atraía de xeito presencial a 2.500 persoas ao abeiro das súas actividades

Carlos Montero, director do festival, afirma que o certame actúa como foro de dinamización cultural e tamén como polo de atracción turística

 

O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV fai balance da súa oitava edición e a valoración non pode ser máis positiva. Arredor de 2.500 persoas participaron durante os nove días de celebración da mostra nalgunha das actividades propostas ao abeiro da axenda do certame, así coma no visionado das curtas presentadas a concurso dentro das diferentes categorías oficiais, segundo os datos que vén de facer públicos a organización do festival.

Xunto a isto, 100 persoas máis seguiron a gala de clausura e entrega de premios de xeito online. As actividades máis exitosas deste ano foron o pase que Pepe Viyuela ofreceu no auditorio da súa obra Encerrona, que colgou o cartel de completo enchendo as 350 butacas do recinto, e tamén a actividade infantil Vémonos no futuro. Esta última, dirixida pola narradora oral Raquel Queizás, convidou a máis de 500 cativos e cativas de seis centros educativos da comarca a mergullarse na maxia do cinema a través do fío condutor da ciencia ficción e programou unha serie de curtas especificamente orientada para a infancia.

Ademais, a práctica totalidade das actividades paralelas de carácter profesional -talleres e obradoiros de diversa temática- completaron o seu aforo. E tamén foron particularmente populosas as diferentes catas e degustacións que se celebraron, tanto de viños amparados baixo o selo de calidade da D.O. Monterrei como de cervexas artesás, entre outras iniciativas.

200 persoas desfrutaron coa actuación de Caspervek

A Praza García Barbón de Verín rexistrou tamén numerosa afluencia durante a noite do xoves 14 de setembro para desfrutar coa actuación de Caspervek, grupo que musicalizou en directo algunhas das curtas máis representativas do cinema mudo. A organización do FIC Vía XIV calcula que arredor de 200 persoas acudiron ao centro da vila nesta xornada para asistir a esta actuación musical.

Ademais, os diferentes axentes do tecido socioeconómico de Verín implicáronse activamente na iniciativa. Empresarios, comerciantes e hostaleiros secundaron diferentes actividades paralelas promovidas pola organización do certame promovendo, por exemplo, a decoración de diferentes escaparates de locais comerciais con motivos de cinema, sorteando entradas dobres para o espectáculo de Pepe Viyuela ou elaborando petiscos con “sabor a cinema” durante o Pincho Xoves, tal e como destaca Carlos Montero, director do FIC.

Un Verín máis vivo

A todos eles, o director do festival quere agradecerlles a súa colaboración co certame, así como ao Concello de Verín. “Entre todos e todas estamos a facer un Verín máis vivo, máis dinámico, no que a cinematografía e a cultura ocupan un papel central”, destaca o director do festival. “Diferentes directores e directoras de curtas presentadas a concurso amosáronse gratamente sorprendidos co que aquí se atoparon, co noso territorio, cos nosos viños e co noso patrimonio e aseguráronnos que ían volver”, abonda. “Disto tamén trata o FIC Vía XIV -considera Montero-, de funcionar como polo para a atracción turística”.

Artigos relacionados

Back to top button