CulturaCulturaÚltima hora

O FIC Vía XIV de Verín encamíñase cara á súa sétima edición con novidades

Esta mostra celebrarase do 31 de agosto ao 4 de setembro do vindeiro ano 2022

Foto: FIC Vía XIV de Verín.

 

Do 31 de agosto ao 4 de setembro de 2022 desenvolverase a VII edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín. Así o anunciaba esta mañá a súa organización. “Deste xeito, dase continuidade a unha iniciativa cultural perfectamente incardinada xa, logo de tantas edicións, na axenda de ocio e lecer de Verín”, destaca o director do certame, Carlos Montero.

A sétima edición do festival presentará importantes novidades. “Tamén se reestruturará a axenda do certame aumentando o número de eventos e proxeccións nos días de máis audiencia e suprimindo as xornadas que, co paso dos anos, teñen menos afluencia de público”, adianta o seu director.

Entre as novidades da vindeira edición da mostra está unha aposta por reforzar a programación. “Forma parte da natureza dun proxecto vivo coma o noso repensarnos a nós mesmos en cada edición. Cos anos, case dun xeito orgánico, fomos adaptando a estrutura do festival para achegarnos mellor aos nosos públicos. Todo isto levounos a plantexarnos unha sétima edición moito máis intensa en programación, que implica unha redución de xornadas, pero tamén un aumento do número de eventos e proxeccións. Serán cinco días nos que Verín se convertirá nun punto de encontro vivo entre público e artistas con máis de oito horas continuas diarias de actividades pensadas para todo tipo de públicos”, explicaba Montero.

A sección “Outra Mirada” e o Entroido

Unha das modificación máis destacadas será a sección a concurso “Outra Mirada”, concibida orixinalmente para mostrar traballos sobre o Entroido, que cambiará de formato transformándose nun conxunto de actividades multidisciplinares cuxo eixo central será o Entroido.

As curtas que se presenten a concurso na edición de 2022 teñen que cumprir o requisito de ter sido realizadas con posterioridade a xaneiro de 2020. A participación no concurso é aberta e pode participar nel calquera persoa, amateur ou profesional, de calquera nacionalidade. Aceptaranse unicamente películas inferiores a 31 minutos e a organización decidirá en que categoría encadrará cada filme.

Taxas e inscricións

Ademais, dende a organización indícase que “non se aceptarán videos publicitarios ou comerciais e as obras enviadas con anterioridade ao FIC Vía XIV quedan excluidas”. A taxa de inscrición da candidatura é de tres euros e farase a través dunha plataforma tipo Festhome, que será anunciada no seu momento.

Para a súa posible preselección, as obras deben subirse no seguinte formato: MPEG4 AVC (codec H264), taxa máxima de transferencia de bits de 3000 kbps, audio: AAC., subtítulos incrustados e resolución mínima de 480 p. As películas en idiomas diferentes ao castelán ou galego deberán incluir subtítulos en castelán, galego ou inglés.

Deste xeito, en 2022 as curtas a concurso encadraranse nas categorías “Horizontes”, baseada na idea do horizonte como metáfora das migracións; “A Raia”, na que se incluirán producións realizadas a ambas as dúas beiras do Miño e Nova, unha categoría xeral que recollerá filmes máis contemporáneos. Establécese un premio de 750 euros por cada categoría e un de 600 euros, que outorgará o público coas súas puntuacións.

Artigos relacionados

Back to top button