OurenseÚltima hora

O filme “@buelos” abrirá o 24 OUFF, mentres que “La trinchera” será o filme de clausura

A programación deste festival, que se celebrará do 27 de setembro ao 5 de outubro, vén de presentar a súa programación

 

Do 27 de setembro ao 5 de outubro a cidade das Burgas convertirase en punto de encontro de afeccionados e profesionais da sétima arte coa celebración da 24ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Trátase dun evento que “pon en valor a Ourense, ao que nos é próximo, e ás liñas argumentais do festival de cinema de Galicia”, tal como destacaba o presidente da Deputación, Manuel Baltar, na presentación deste evento na mañá deste 23 de setembro. Neste acto estaba acompañado polo director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo, polo coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, e polo representante institucional de Abanca, Mateo Alonso.

Na sección oficial desta edición competirán 15 películas de 15 nacionalidades diferentes, que foron seleccionados entre as máis de 500 presentadas, con directores da talla Alejandro Landes, Gael García, Oliver Laxe ou Bong Joon-Ho. O certame inaugurarase coa proxección da española “@buelos”, mentres que a esperada “La trinchera” será a película de clausura. Ademais, “Sea beasts” proxectarase no Teatro Principal fóra de competición.

Os filmes que competirán na sección oficial serán “La odisea de los giles (Arxentina-España), dirixida por Sebastián Borenzstein), “Los consejos de Alice” (Francia-Bélxica) de Nicolas Pariser, “Nuestras madres” (Guatemala, Bélxica, Francia) de César Díaz, “Parásitos” (Corea del Sur) de Bong Joon-Ho, “Retrato de una mujer en llamas” (Francia) de Céline Sciamma, o documental “Cachada: The Opportunity” (El Salvador) de Marlén Viñayo, “Monos” (Colombia, Arxentina, Uruguai, Países Baixos, Alemaña, Suecia) de Alejandro Landes, “O que arde” (España, Francia, Luxemburgo) de Oliver Laxe, “La hija de un ladrón” (España) de Belén Funes, “Chicuarotes” (México) de Gael García Bernal, “El doble más quince” (España) de Mikel Rueda e “The bra” (Alemaña-Azerbaián) de Veit Helmer.

Por outra banda, no OUFF en curto competirán 17 curtametraxes e 9 videoclips que loitarán por catro galardóns. Estes traballos foron seleccionados entre máis dun cento de obras presentadas. Entre as novidades desta edición destaca, ademais dos videoclips en competición, a incorporación da ficción televisiva dentro da sección OUFF Transmedia (coas estreas de “Pasaporte Galego”, adicado a Luis Tosar e que foi gravado en parte no OUFF 2018 durante a entrega do Premio Ourense ao actor; e “Desaparecidos”, a nova serie de Juan Echanove). No programa tamén se inclúe unha potente área formativa (con propostas como obradoiros) e como novidade este ano concédese o Premio Barreiros á ópera prima “Viaje al cuarto de una madre”.

O OUFF é “o único festival de Galicia con sección competitiva en longametraxes”, pero tamén o único que conta con “exposicións e publicacións de produción propia que completan as actividades paralelas que xunto ás proxeccións a competición e ciclos temáticos conforman o progama”, engadía Baltar.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández, indicaba que se trata “dun festival para a provincia, para a cidade e para o país”, cun programa complexo e variado “que implica á sociedade ourensá cunha oferta para todos”. O OUFF, proseguía, reivindícase como un festival diferente, “a festa da cultura máis alá das fronteiras da cidade”.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, destacaba que o OUFF, ademais de ser o certame internacional máis antigo de carácter competitivo que se realiza en Galicia, supón un recurso turístico de primeiro nivel que permite dar a coñecer a nosa comunidade a espectadores e profesionais do sector. Neste sentido, OUFF levará a cabo por primeira vez a iniciativa Viaxe de cine por Ourense, mediante a cal daranse a coñecer os escenarios da cidade que serviron de set de rodaxe para diferentes películas.

Finalmente, Mateo Alonso, representante institucional de Abanca, sinalaba que este certame é “un evento que converte Ourense en cidade de cine”, salientando “o papel dinamizador”, do festival.

 

Artigos relacionados

Back to top button