DeportesPiraguismoÚltima hora

O Fluvial Barco, club vencedor do 55º Descenso do Sil

 

Ata unha decena de podios sumaba o Fluvial Barco no 55º Descenso do Sil, que se disputaba esta tarde de 16 de setembro, convertíndose dese xeito no club ganador da cita. A entrega de trofeos desta proba, cunha distancia de 7 km entre Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) e a praia fluvial do Malecón, tiña lugar pasadas as oito desta tarde no Malecón.

Así os padexeiros do Fluvial Barco lograban os seguintes podios: en K-2 sénior as irmáns Paula e Marta Paradelo eran terceiras, Carlota Díaz era segunda en cadete K-1, Daniel Núñez vencía en cadete K-1, mentres que Hugo Rodríguez e Darío Gil León eran segundos en K-2 cadete, Mateo García ganaba en K-1 xuvenil, José Antonio Girón vencía en K-1 veterano e Fernando García era terceiro nesa mesma categoría.

 

 

O podio do Fluvial Barco completábase da man de Jesús Rodríguez León, que se impoñía en K-1 sénior e de Miguel Fernández e Luis Amado Pérez, que tamén se facían co título da proba en K-2 sénior.

Outros podios valdeorreses eran os de Kissy Torres (Fluvial Avión), que era primeira en K-2 máster, e o de Pedro Andrés, 3º en K-2 máster (Fluvial Avión).

Ao final da entrega de premios, o alcalde do Barco, Alfredo García, agradecía a participación dos padexeiros, que recibían como premios unha pequena pala de madeira e unha medalla de galleta, e recoñecía os resultados dos piragüistas valdeorreses Adrián Prada Pérez no mundial sénior de maratón en Dinamarca, así como os de Jesús Rodríguez e Kissy Torres, xa como veteranos nese mundial.

Durante a entrega de premios tamén se agasallaba ao autor da fotografía do cartel desta edición do Descenso do Sil, o valdeorrés Lois Prada.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button