CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O folclore de México, Senegal e Panamá sóbese ao escenario en Castro Caldelas

Este luns as Xornadas de Folclore chegan a Manzaneda, con estes mesmos grupos, e a Bande cos de Colombia, Taiwán e Serbia, que estaban onte en Xinzo

 

A praza do Prado de Castro Caldelas acollía na noite do domingo 19 de agosto unha das dúas actuacións das Xornadas de Folclore nesa xornada. O numeroso público podía desfrutar a partir das 22:30h. das historias, os ritmos e danzas ás que daban vida sobre o escenario os grupos Academia Andrés Valiente de Danzas y Proyecciones Folclóricas de Panamá, o Ballet Jammu de Senegal e o Ballet Fol. do Instituto Tecnológico Celaya de México. As tres contan cunha calidade artística extraordinaria, tras anos de intenso traballo.

 

 

As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

Unhas horas antes, Xinzo de Limia acollía outra actuación, precedida dun desfile. Dende o Parque do Toural ata a Praza Carlos Casares, as agrupacións de Colombia, Taiwán e Serbia despregaban toda a vistosidade e os ritmos cos que gañaron os aplausos do público nas dez vilas ourensás que percorreron nesta nova edición das Xornadas de Folclore.

O grupo de Taiwán, Yuan Yuan Dance Group, procedente da zona centro da illa, nace en 1995 co propósito de dar a coñecer a cultura taiwanesa por todo o mundo. Nas súas actuacións representan as festas máis típicas do seu pobo: danzas do dragón, danzas relixiosas, danzas de ano novo ou de agradecemento á natureza polas colleitas. Todo o patrimonio está vinculado á cultura tradicional da China continental, pero non esquecen as danzas aborixes da illa, máis concretamente do pobo Hakka, etnia natural da illa e que mantén a súa cultura tradicional viva. Unha vez rematado o desfile, o Festival comezaban as actuacións.

 

 

Luns de agosto: Manzaneda e Bande

Este luns será a última cita na que as seis agrupacións folclóricas presenten o seu repertorio por separado, en dous Festivais e en dúas vilas diferentes.

A Praza da Constitución, en Bande, fará viaxar ao público ata Colombia, Taiwán e Serbia ofrecendo un abano das distintas culturas e etnias que habitan nestes países. Será ás 20, 30 horas.

Ata Manzaneda chegará a tradición folclórica de Panamá, Senegal e México. No Patio do Colexio, os asistentes poderán descubrir ás raíces da tradición folclórica dos tres países. Será ás 22,30 horas.

Fotos e vídeo: O SIL.

 

Back to top button