CulturaCulturaÚltima hora

O forno de fundición de campás da necrópole de San Vítor de Barxacova xa pode visitarse

Converterase no primeiro forno musealizado in situ de toda Galicia, “sendo ademais o máis antigo documentado ata o de agora”, segundo o concelleiro de Cultura de Parada de Sil

 

Forno de fundición e campás no xacemento de San Vítor de Barxacova (Parada de Dil)./ Foto cedida polo Concello de Parada de Sil.

A intervención arqueolóxica realizada enste verán no xacemento altomedieval de San Víctor de Barxacova (Parada de Sil) tense centrado na recuperación e restauración do singular foxo de fundición de campás atopado nas escavacións realizadas na campaña do 2013 e que era descuberto por completo no ano 2014. Esta actuación permitiu incorporalo á área visible e visitable do xacemento, xunto co extenso conxunto de sartegos antropomórficos que forman parte del.

“Tamén se recupera o aspecto orixinal de dous sartegos (o XXXIII e XXXIV), recolocando as tampas orixinais coas que foron descubertos en 2011, e baleiraranse outras co seu interior protexidas con terra para sometalas a labores de conservación. Para todos estes labores é preciso levar a cabo intensos traballos de restauración, precedidos da reescavación do forno, que se iniciou esta mesma semana”, informa o concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Paco Magide.

O foxo de fundición vaise converter ademais no “primeiro forno musealizado in situ de toda Galicia, sendo ademais o máis antigo documentado ata o de agora, xa que se teñen localizado outros na cidade de Ourense (en San Francisco e na contorna da Trinidade) ou en Leiro nos últimos anos, todos eles vinculados a igrexas ou mosteiros, pero datados todos eles entre os séculos XVII e XVIII. O de San Vitor, en cambio, con certas diferenzas tipolóxicas, datouse por termoluminiscencia dos barros que o recubrían entre o século IX e X, sendo contemporáneo ao período útil da necrópole e da capela do San Vítor”, resalta Magide.

Esta intervención está sendo realizada polo equipo de arqueólogos e restauradores que dende 2010 veñen desempeñando as labores de estudo e posta en valor da necrópole, que se complementarán este ano coa colocación dun novo panel explicativo do forno das campás, incorporando tamén nova información virtual á rede de recursos naturais e patrimoniais xa dispoñible na actualidade a través dunha aplicación web.

“Esta nova posta en valor e aposta polo patrimonio é posible”, sinala a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, “despois do convenio asinado coa Consellería de Educación e Cultura, Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia”. Tamén dende o Concello anímase a facer visitas estes días, xa que ao estar elí os restauradores e arqueólogos sempre se poden pedir explicacións polo miúdo.

Artigos relacionados

Back to top button