OurenseÚltima hora

O fotógrafo Joan Alvado expón na Galería de Arte Marisa Marimón de Ourense

A mostra "El último hombre sobre la tierra" poderá visitarse do 19 de novembro de 2020 ao 20 de xaneiro de 2021

 

Do 19 de novembro de 2020 ao 20 de xaneiro de 2021 a Galería de Arte Marisa Marimón (Benito Vicetto Nº 5, baixo, Ourense) acollerá a exposición “El último hombre sobre la tierra” de Joan Alvado.

O traballo de Joan Alvado (fotógrafo natural de Altea residente en Barcelona céntrase en proxectos a longo prazo cun achegamento antropolóxico cara ao territorio e as crenzas do home ao longo de diferentes capas históricas.

Dende 2017 está a traballar en El último hombre sobre la Tierra, un ensaio sobre a relación entre a natureza e o despoboamento extremo, realizado co apoio do programa de Leica LFI Loan Pool. “Situada no interior montañoso de España, a chamada Serra Celtibérica é a segunda zona máis despoboada de Europa, tras a Laponia nórdica. As súas cifras demográficas espantan. Cunha extensión de 65.835 km2 (o dobre do territorio total de Bélxica) a densidade de poboación é de apenas 7,34 hab/km2. Esta condición de despoboamento extremo fixo saltar as alarmas en España, onde a zona pasou a ser coñecida amplamente como Laponia do Sur”, explica o propio fotógrafo, engadidno que “o despoboamento é consecuencia de fluxos migratorios ligados ao modelo económico actual, onde o abandono do sector primario como modelo produtivo deixou a amplas áreas orfas de motor económico. Ao non preverse un motor alternativo para estas áreas, expoño a hipótese de que o despoboamento non é reversible”. Trátase, ademais, dun fenómeno xeneralizado nos países desenvolvidos. De modo que podemos entrever un futuro no que cada vez maiores superficies sobre a Terra estarán total ou parcialmente desprovistas da presenza do home. E “a vida nestas zonas non será tal como coñecémola actualmente”, sentencia Alvado.

En base a estas premisas, e con Laponia do Sur simplemente como marco xeográfico de partida, El último hombre sobre la tierra é un ensaio fotográfico no que o fotógrafo expón reflexións abertas sobre cal pode ser o futuro destes territorios. “Quería evitar un enfoque nostálxico sobre o mundo rural, e decidín reinterpretar a paisaxe e os seus habitantes, xerando unha visión diferente sobre a natureza destes lugares”, di. Unha visión, cun punto de separación sobre a realidade, que desafía a nosa percepción do territorio, converténdoo nun lugar fantástico, descoñecido.

Trátase pois dunha mostra que plantexa premisas sobre como serán estas áreas en 30, 40 ou 50 anos; e que queda cando unha poboación desaparece.

 

Artigos relacionados

Back to top button