CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O gaiteiro caldelao Diego Prieto competirá no Festival Intercéltico de Lorient (Francia)

Quedaba segundo da selección galega para o Trofeo MacCrimmon de gaita solista, que se celebrará en agosto no marco deste certame internacional

 

Diego Prieto, natural de Castro Caldelas, representará a Galicia no Trofeo Internacional MacCrimmon de gaita solista, que se celebrará en agosto no Festival Intercéltico de Lorient (Francia). Este gaiteiro lograba clasificarse segundo na fase previa do concurso que se celebraba a pasada fin de semana no Auditorio Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo, A Coruña). Os participantes tiñan que enfrontarse a diversas probas musicais: tocar música galega de autor ou tradicional, unha peza do repertorio bretón de música tradicional e outra asturiana con gaita asturiana.

O gaiteiro caldelao interpretaba dentro do repertorio bretón a suite “Purlet”, no asturiano a xota “Margolles” e no repertorio galego “Notas tristes para unha vida leda”. Nesta edición do concurso participaban 7 gaiteiros (o tope de participantes é de 12) e “houbo moitísimo nivel”, destaca Diego Prieto, que é a terceira vez que logra clasificarse para esta competición internacional. “Quedar segundo e poder estar alí xa é un premio en si, e máis se vas opcións de poder ganar”, explica este intérprete, “esta á terceira vez que me clasifico e, como se soe dicir, á terceira vai á vencida. A ver se é así”, comenta ilusionado.

 

 

Ademais adianta que será a última vez que se presente a este concurso. “Xa o ía deixar o pasado ano, no que tiña opcións e quedei cuarto, pero quedoume esa espiña cravada e todo o mundo me animaba e dicíame que tiña que volver, por iso me dedicín”.

Fotos: Delegación Galega do Festival Intercéltico de Lorient.

Vídeo: Iván Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button