CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

O grupo do CEIP Bibei inmerso no proxecto ‘Viana no Camiño’ chega a Compostela

Nesta semana realizaban as dúas últimas etapas da Vía da Prata, dende Bandeira ata a Catedral de Santiago

 

Tal como estaba previsto, na xornada do mércores 25 de maio o grupo do CEIP Bibei de Viana do Bolo que está inmerso no proxecto sobre o Camiño de Santiago neste segundo Ano Xacobeo (alumnos de 5º e 6º de primaria acompañados por catro profesores), chegaba a Santiago de Compostela tras completar as dúas útlima etapas da Vía da Prata (Ourense-Compostela).

 

 

A idea do proxecto ‘Viana no Camiño’ era percorrer os 100 quilómetros que separan a cidade de Ourense e Santiago de Compostela en seis etapas, dúas por trimestre. As dúas primeiras, dende a Catedral de Ourense ata Dozón con parada en Cea, realizábanas no mes de febreiro. Pechando o mes de marzo facían as dúas seguintes, de Dozón ata Bandeia con parada en A Laxe, regresando dende aí en autobús ata Viana do Bolo; e xa finalizando o mes de maio completaban as dúas últimas dende Bandeira ata Outeiro e de aí a Compostela, con parada no Albergue de Peregrinos San Pedro de Vilanova no concello de Vedra.

 

 

Trala chegada a Santiago e as fotografías de rigor na praza do Obradoiro, o grupo entraba na Catedral onde facían a ofrenda ao Apóstolo. Era un dos nenos do grupo quen, en nome dos seus compañeiros, presentaba o seu respecto, pedindo por todos os nenos do mundo “pero en particular polos dos pobos das zonas de Viana e Vilariño, para que vivamos cheos de alegría e se manteñan os nosos intereses por riba de todo”. Tamén pediron polos profesores “que nos acompañan non só nesta peregrinación senón na peregrinación da vida, para que nos sigan coidando e ofrecedo o seu saber”; e polas familias; pedindo a paz no mundo e que “pare a violencia sobre os demais” e a intercesión do Apóstolo “para que pare a despoboación a marchas forzadas dos nosos pobos e aldeas” e tamén “para que o tempo de pandemia que tanto nos ten arrebatado, non volva”.

 

 

O proxecto, que conta coa colaboración do Concello de Viana do Bolo e de Protección Civil, foi sen dúbida unha experiencia única para coñecer un pouco máis sobre a ruta xacobea que ten como destino a Catedral de Santiago e a tumba do Apóstolo, pero tamén para ganar o Xubileo e fortalecer os vínculos da comunidade cristiá e valores como a amizade, o compañeirismo ou a solidariedade.

 

 

Fotos e vídeo cedidos.

 

Artigos relacionados

Back to top button