SanidadeÚltima hora

O Hospital Comarcal Valdeorras incorpora a oito facultativos

Os médicos que chegan con praza en propiedade son das especialidades de anestesia, traumatoloxía, cirurxía xeral, medicina interna, medicina preventiva e radiodiagnóstico

Hoxe “é un día importante para a EOXI de Ourense e especialmente para o Hospital Comarcal Valdeorras xa que se incorporan oito facultativos”. Con estas palabras, o responsable da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense Julio García anunciaba a nova no Barco onde celebraban na mañá do 15 de xaneiro, o Comité de Dirección.

Un dos principais temas tratados na reunión foi a incorporación de médicos .”Hoxe incorpóranse en toda Galicia froito da oferta pública de emprego e concretamente neste hospital comarcal fano 8 especialistas que tras o proceso da OPE escolleron esta praza á que se incorporaron practicamente todos”, explicou o xerente. As especialidades ás que se incorporan son: Anestesia (2 a maiores dos 2 que había), Traumatoloxía (1 a maiores dos 2 que había), Cirurxía Xeral, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Radiodiagnóstico, “especialidades deficitarias en xeral en case toda a comunidade autónoma e en particular neste centro”, puntualizou Julio, asegurando que “situacións que viñamos sufrindo nos últimos meses froito da dificultade destes especialistas hoxe, de xeito ligado a unha praza en propiedade, se resolven”, aínda que non definitivamente.

 

Os xerentes do EOXI de Ourense e do Hospital Comarcal Valdeorras, Julio García e Francisco Contreras.

 

“Os hospitais comarcais, nun momento no que os especialistas son moi demandados, é dificil cubrilos e aínda que se incorporen estes 8 xurdirán incidencias e non quero pecar de optimista porque hai especialidades nas que é moi difícil atraer e manter. Ao vir con praza en propiedade “é máis fácil” pero sabemos que os profesionais queren especalizarse moitísimo e algúns deles plantexaranse isto como un lugar de paso. Con todo marcharán cando teñamos substituto e agora resolvemos un problema importantísimo en áreas moi sensibles, sobre todo Traumatoloxía onde só había dous dende o verán pasado”.

Outro dos puntos tratados na reunión é o das obras e a ese respecto, o xerente da EOXI, acompañado polo xerente do hospital de Valdeorras Francisco Contreras, avanzou que algunhas xa están iniciadas, concretamente no Laboratorio, con obras de equipamento e de mellora. “Estase a punto de instalar unha cabina de fluxo laminar no servizo de farmacia e actuacións específicas de fontanería nas áreas máis envellecidas”, dixo. Enriba da mesa hai proxectos importantes como o que afectará ás UTPR. “A idea é converter as zona de paritorio e preparto nunha única para non ter que mover á paciente podendo dilatar e parir no mesmo espazo e despois estar dúas horas alí. Iso require dun espazo e dun mecanismo como unha camilla que se converte en mesa de paritorio e despois volve ser camilla. Xa está en varios hospitais e estamos traballando para concretalo”. Tamén teñen sobre a mesa os aspectos de eficiencia enerxética, dende o cambio de luces ao de caldeiras; obras específicas na cirurxía maior ambulatoria; actuacións pendente na zona do PAC; e obras menores en cociña e noutras infraestruturas do hospital. “Obras importantes das que estes días concretaremos o detalle dos proxectos como o prezo e prazos”.

Na comisión estiveron presentes o xerente, o director de Asistencia, a directora de Recursos Económicos, a directora de Recursos Humanos, a directora de Enfermería e o equipo directivo do HCV. Por videoconferencia estaban o resto do equipo directivo en Ourense e Verín.

Fotos: Carlos G. Hervella excepto a última da galería que é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button