
O Servizo de Oncoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras está a participar na fase II do ensaio clínico da vacina para previr recaídas de cancro colorectal, que está a desenvolver BioNTech coa tecnoloxía de ARN mensaxeiro que se empregou, por vez primeira, na súa vacina fronte a Covid-19.
O obxectivo deste innovador estudo no que xa están a participar pacientes ourensáns é procurar unha terapia inmunolóxica de precisión, que permita conseguir unha vacina personalizada para cada paciente. Neste caso, aqueles nos que tras unha proba altamente específica, biopsia líquida, se determine o risco de recaída.
O cancro colorectal, tras ser operado nas dúas primeiras estadías desta enfermidade, II de alto risco e III, recibe quimioterapia para evitar que o tumor recaiga. Non obstante, subliña Ana Fernández Montes, oncóloga do Hospital Universitario de Ourense e responsable do ensaio clínico, “no subgrupo no que detectamos ADN tumoral circulante en sangue, existe un alto risco de que o tumor recáia a pesar de recibir quimioterapia” .
Ademais, Fernández Montes, sinala que a quimioterapia non sempre é eficaz neste pequeno subgrupo de pacientes, nos que ata agora a única opción é extremar a vixilancia e control, polo que centran os esforzos de investigación “Unha das vías de investigación de vangarda neste intre é o deseño de vacunas ARN, que neste caso veñen da man da empresa BioNTech.” dí a oncóloga.
Os pacientes son seleccionados en función do risco de recidiva do tumor, que se determina antes de iniciar o tratamento de quimioterapia mediante unha biopsia líquida -para a que só é preciso unha mostra de sangue- que “de ser positiva, en función das mutacións que teña o tumor de cada pacente, servirá para deseñar unha vacina específica para cada enfermo.” explica Montes.

Destacada participación galega
Neste intre xa son 14 os pacientes ourensáns os que participan no ensaio clínico, e as previsións son chegar aos 40. Neste aspecto, Ana Fdez. Montes destaca o compromiso e colaboración dos pacientes de Ourense e agradece a súa dispoñibilidade a participar, o que permite ao Servizo de Oncoloxía manter unha intensa actividade investigadora, e convirten ao hospital público de Ourense nun potencial candidato a colaborar en proxectos desta entidade e vangarda, á altura de hospitais universitarios e institucións de toda Europa.
Dos trece hospitais que participan no ensaio en España, tres son galegos, sumándose ao de Ourense os de Santiago de Compostela e A Coruña, que tamén forman parte do selecto grupo integrado polos prestixiosos Clinic, Val d’Hebron e Santa Creu i Sant Pau, de Barcelona, os hospitais de La Paz, San Carlos e Gregorio Marañón de Madrid, a Clínica Universitaria de Navarra, o Hospital General de Valencia, o Miguel Servet de Zaragoza ou o Centro Integral Oncológico Clara Campal (CIOCC) de Madrid.
A nivel mundial o ensaio está neste intre tamén en activo en dez centros de Estados Unidos, en catro de Bélxica e en once de Alemaña, país de orixe de BioNTech.
O reto das vacinas de ARNm
BioNTech está dedicada ao desenvolvemento e fabricación de inmunoterapias activas, para lograr un enfoque específico do paciente no tratamento de enfermidades graves, por medio do ARN mensaxeiro para o seu uso en enfermidades, coma o cancro; infecciosas coma o Covid-19; na terapia celular diseñada: ou noutras enfermidades raras, a partir do remplazo de proteínas.
Desta forma, co avance que supón a técnica de ARN mensaxeiro, ábrese un amplo abano de novas posibilidades de tratamento, e podería converterse nunha resposta terapéutica, para tratar ou curar numerosas enfermidades existentes ou outras novas, que ata agora non se podería imaxinar.