Na mañá deste xoves 9 de xaneiro presentábase oficialmente a IX Gala contra o Cancro de Ourense que se celebrará no Auditorio Municipal este domingo día 12.
Ao acto asistían o presidente da Asociación Española contra o Cancro en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, xunto co organizador da gala e presidente da Asociación Cultural As Canellas, David Rodríguez e os artistas da cidade Andrés Montes –vocalista e músico do Grupo Gin Toni´s – e Yuri Gómez – coordinadora do grupo de baile Saudeter Ourense.
Germán Rodríguez-Saá quixo compartir que os fondos destinados irán a “axudas económicas para situacións de emerxencia social”. Pola súa banda, David Rodríguez en calidade de organizador, quixo destacar que: “este ano ao ser en horario matutino, orientamos o cartel a un público familiar”. Para finalizar, quixo animar á asistencia e participación na Gala: “a pesar de cambiar a data habitual, esperamos que este domingo teñamos cheo de novo o Auditorio”. Andrés Montes e Yuri Gómez destacaron que era “unha honra formar parte do cartel nun evento que xa está máis que consolidado entre as actividades culturais e solidarias da cidade”.
Despois de oito anos, a organización ofrece unha variedade de estilos e propostas artísticas para todos os públicos. O grupo de baile Saudeter Ourense será o responsable da danza desta gala presentando o urban como estilo abanderado e prominente nesta agrupación.
Tras a súa colaboración co referente galego do trap, Ortiga e como colaboradora e presentadora habitual de programas de televisión, a artista Pili Pampín volve formar parte do cartel, xa que na pasada edición non puido por unha enfermidade vírica. Cando comezou a cantar Pili, a comezos da década dos noventa, nace Tania Veiras, outra das cabezas de cartel desta edición. Cantante, presentadora de programas de televisión e produtora musical, o seu repertorio é do máis variado e xa compartiu en varias ocasións, escenario con Pili Pampín. Para finalizar coa proposta musical, os Gin Toni´s, un grupo de versións de grandes clásicos da nosa música con raíces ourensás e tamén da Ribeira Sacra, poñerán o broche final a este evento. E desde Viana do Bolo, un dos magos máis coñecidos de toda Galicia: o mago Teto.
A gala estará conducida polas comunicadoras e presentadoras Lucía Regueiro – actriz todoterreo e presentadora de Televisión de Galicia- e Lucía Veiga – actriz, cómica e recentemente nomeada como Mellor Actriz Revelación aos Premios Goya-.
A Gala contra o Cancro conta co patrocinio do Concello de Ourense, Auditorio Municipal de Ourense, Deputación de Ourense, Abanca, Clínica Dental Parracía e Pérez Rumbao e a colaboración de Abella Creativa, 20 de Vyrras, Aleuto Medios Dixitais, Grupo Cuevas, Adegas Galegas, Redeiras, OSI Gourmet, Coren, Saudeter, Agapé Liceo e Estilo Único.
Quedan as últimas entradas á venda cun custo de 8 euros adquiríndoa de forma anticipada e un prezo de 10 euros no despacho de billetes do Auditorio. Este evento está organizado pola Asociación Cultural As Canellas e a favor da Asociación Española contra o Cancro.