SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense súmase á loita pola prevención do suicidio

A Unidade de Prevención de Ourense atende a unha media de 180 novos pacientes anuais, de todas as idades, niveis sociais, culturais, económicos e procedencia, segundo Sanidade

Entrada ao Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Hospital Universitario de Ourense súmase ao Día Mundial da Prevención do Suicidio que se conmemora mañá, data escollida pola OMS (Organización Mundial da Saúde) para concienciar sobre a magnitude dun problema, que “causa anualmente mais mortes que os accidentes de tráfico, afecta a homes e mulleres de tódalas idades, e pese a elo aínda é moi descoñecido polo estigma que pesa sobre quen o consuma e os seus achegados”, segundo a Consellería de Sanidade.

Mostra da magnitude deste problema, en 2017 o suicidio foi a causa de 37 mortes en Ourense, catro veces máis persoas que as que faleceron por accidentes de tráfico, indica o Sergas. “Mentres que os intentos de suicidio, ou a ideación suicida, xeraron ao redor de 300 consultas anuais no Servizo de Urxencias en Ourense, e constitúe unha gran maiores preocupación para os profesionais de saúde mental, polo posible efecto negativo da tensión emocional, derivada da pandemia de Covid-19, producida polo illamento, a incerteza, o duelo, o medo e as dificultades económicas”, aseguran dende a consellería.

O Hospital Universitario de Ourense conta cunha das primeiras Unidades de Prevención do Suicidio a nivel nacional. Activa desde 2009 e única en Galicia e que mantivo a súa actividade de xeito non presencial ao longo dos meses da alerta sanitaria.

A Unidade de Prevención de Ourense, cunha media de 180 pacientes novos ao ano

Dirixidos desde os servizos de Atención Primaria, Urxencias ou Psiquiatría, tanto por ideas suicidas como por un intento previo, a Unidade de Prevención atende a unha media de 180 novos pacientes anuais, de todas as idades, niveis sociais, culturais, económicos e procedencia. Dos 16 anos ata idades avanzadas, cun progresivo incremento de homes, e cun repunte, nos últimos anos, de xóvenes entre os 16 e 25 anos. De feito, o suicidio é a segunda causa de morte entre os 15 e os 29 anos.

Os reintentos de sucidio dos pacientes atendidos no programa redúcense a un 10% no ano posterior á primeira tentativa, período no que este risco de ascende por riba 50% cando carecen de seguemento. Nesta liña, Ourense tamén logrou conter e reducir o número de suicidios consumados nestes dez anos e diminuir os ingresos hospitalarios e consultas urxentes destes pacientes.

A Unidade de Prevención de Ourense está formada por un equipo multidisciplinar, composto por unha psiquiatra, unha psicóloga clínica e unha enfermeira especialista en Saúde Mental. Dirixida a atender as persoas que fixeron un intento de suicidio ou teñen ideas de suicidio, seu obxectivo é a prevención dunha nova tentativa ou que esta chegue a producirse.

O programa de Ourense consiste nun tratamento intensivo, de seis meses de duración, con consultas semanais ou quincenais, que se van espazando en función da evolución, con seguimento e consulta telefónica intermedia; así como unha consulta de control, aos seis meses de finalización do tratamento.

Factores de risco

O vencello entre o suicidio e os trastornos mentais, especialmente os relacionados coa depresión e abuso de alcol está ben documentado, pero tamén moitos suicidios, ou tentativas, prodúcense impulsivamente, en momentos de crise, cando se supera a capacidade de afrontar as tensións da vida, como a dor emocional ou física e os problemas económicos, tal e como informa o Sergas.

O principal factor de risco de suicidio é precisamente un intento previo de suicidio. Outros son experiencias relacionadas con situacións de violencia, abusos, perdas e sensación de soidade ou illamento, así como a pertenza a grupos sociais obxecto de discriminación, segundo a información achegada por Sanidade

Signos de alerta para os achegados

Os cambios repentinos nas emocións poden ser signos de alerta dunha ideación suicida, con verbalizacións negativas sobre si mesmo, da súa vida ou futuro, desexo de “desaparecer”, de deixar de vivir e fonda tristura. Tamén as mudanzas no comportamento como illamento; incremento do consumo de alcol ou drogas; despedidas verbais ou escritas; regalo de posesións valiosas; peche asuntos pendentes; aumento da irritabilidade e, pola contra, tras un periodo de axitación, calma e tranquilidade repentina, que pode ser unha sinal de risco inminente.

“Ante esta sospeita o mellor é falar, preguntarlle directamente se está pensando no suicidio e non banalizar súas preocupacións, escoitalo e expresar preocupación, sempre sen recriminacións. Canto antes, hai que procurar axuda, recurrir a mais persoas para convencelo de que busque axuda, se a rexeita, e en caso de urxencia, chamar ao 061 ou acudir ao Servizo de Urxencias mais próximo”, sinala Sanidade.

Indícase así mesmo que “non hai respostas sinxelas á conduta suicida; coñécense os factores de risco, pero ningún factor é suficiente por si só para explicar porque unha persoa desexa non continuar coa súa vida”.

Artigos relacionados

Back to top button