EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O I Festival “Ribeiro Land Art” celebrarase esta fin de semana con distintos actos de balde e inscrición previa

A Ruta do Viño do Ribeiro colabora nesta iniciativa que, segundo o seu presidente Juan Casares, “permite poñer en valor tanto os recursos enoturísticos como a nosa riqueza histórica e cultural”

Intervención do presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, durante a da presentación do festival.

 

Na vindeira fin de semana o Ribeiro acollerá o I Festival Ribeiro Land Art, “unha iniciativa de pequeno formato e corte intimista que nace co obxectivo de reivindicar o patrimonio forestal e vitícola desta comarca como espazo para o encontro coas artes”, tal e como a definen os seus promotres.

A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, entidade que xestiona o enoturismo no territorio do Ribeiro dende o ano 2007, colabora nesta “acción de reivindicación cultural e patrimonial” co fin de promocionar as potencialidades e os recursos do territorio ribeirán baixo a súa marca enoturística “O Camiño do Viño. Ruta do Viño do Ribeiro”. Segundo o presidente da Ruta, Juan M. Casares, “Esta acción permitirá aos participantes coñecer non só os recursos enoturísticos do Ribeiro senón tamén toda a riqueza do noso patrimonio vitícola e cultural. O Ribeiro é calidade pero tamén patrimonio, historia, paisaxe e termalismo e a través deste tipo de colaboración queremos poñelos en valor.”

O programa terá como punto de partida o Museo do Viño de Galicia da man da compañía Nichichanilimoná coa performance “A psicose da geisha”. Máis de 80 artistas de distintas disciplinas conforman este encontro.

Como núcleo principal deste este estará o Monte Comunal de Berán, que será intervido polas coleccións de artes plásticas Andante, 49 Razones e as artistas Labdessensatelier, Mamen Bazarra e Rebeca Ponte. Asi mesmo se presentan outras accións coma danza contemporánea (Carlota Pérez e Jordi Cortés); música medieval e barroca de zanfona (Alejandro de la Fuente) ; música pop (Astrogirl) e ópera da man de Loli Crespo e Alejo Amoedo.

En plena natureza tamén poderase disfrutar das charlas sobre Barroco e o Camiño de Santiago, conservación e nature writting a cargo de Aida Lojo Bárcena, Abdón Fernández, David Barra, José Aquilino e a Editorial Volcano. O domingo farase a ruta “Viticultores con arte do Ribeiro” con catas e accións culturais nos viñedos destes viticultores que habitualmente levan a cabo accións artísticas nas súas bodegas: Cuñas Davia, Pousadoiro, Eloi Lorenzo, Arco da Vella, Fernando Cibeira, Oryctes, Coto de Gaio e Pazo de Toubes.

A promotora do evento, a artista multidisciplinar Rebeca Ponte, define Ribeiro Land Art como “un festival de pequeno formato e corte intimista que reivindica o patrimonio forestal e vitícola do Ribeiro como espazo de encontro coas artes.”

A colaboración da Ruta do Viño do Ribeiro

Dende o ano 2018, a Ruta do viño do Ribeiro traballa na identificación dos recursos enolóxicos e turísticos do territorio en torno á figura do Camiño do viño, co obxecto de conseguir un factor de atracción para potenciais visitantes. En palabras do presidente, Juan M. Casares, “O Camiño do viño ten un simbolismo especial que integra moitos camiños: as rutas de peregrinos á Compostela, o camiño que os arrieiros seguían para comercializar o viño do Ribeiro por toda Galicia, así como a metáfora dunha comarca vitícola no seu percorrido pola historia que deixou pegadas no patrimonio material e inmaterial.”

Ao longo destes anos de xestión enoturística, a Ruta do Viño ten un marcado obxectivo en canto á mellora do produto e promoción turística. A colaboración co Ribeiro LandArt atende perfectamente a estes dous retos, por unha banda, presenta unha abano de actividades que reivindican diferentes espazos do territorio que son susceptibles de acoller diferentes manifestacións artísticas e culturais co obxecto que contribuír a mellorar a oferta enoturística do territorio. Por outra banda, un evento destas características é un factor de atracción para visitantes e consecuentemente de difusión do produto enoturístico, Ruta do viño do Ribeiro.

Con esta colaboración preténdese atraer máis visitantes ao territorio do Ribeiro. “Neste sentido, no período 2008/2019, pasaron polo Ribeiro preto de 120.000 persoas, tendo en conta os datos que se rexistran nas adegas. O mellor dato rexistrouse no ano 2018 onde os visitantes chegaron ás 14.277 persoas. O incremento medio de visitantes por ano sitúase no 12-14% tendo en conta que o incremento é ascendente desde o 2012, ano no que houbo o menor número de visitantes de toda a serie rexistrada”, segundo destacan dende a entidade.

Actualmente integran esta Ruta un total de 50 socios repartidos da seguinte forma: dez concellos, dezasete adegas, once aloxamentos, sete restaurantes, dúas empresas de servizos e as oficinas de turismo de Ourense e Ribadavia, ademais de o Consello Regulador da D.O Ribeiro que ostenta a presidencia.

Perfil dos visitantes

No tocante aos perfís dos visitantes, o Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos que supoñen o 47% dos visitantes, aínda que é certo que nos últimos anos, a franxa de idade que comprende os 30-45 vai aumentando ata situarse no 28%.

“Ata o momento da crise sanitaria, os nosos enoturistas viaxaban en parellas ou en grupo de non máis de 4 a 6 persoas cun nivel de renda medio, e proveñen sobre todo, no 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países europeos. Os nosos visitantes valoran moi positivamente en primeiro lugar, a atención nas adegas e o viño, así como as explicacións sobre a historia da adega e ao adegueiro/a”, aseguran dende a Ruta do Viño do Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button