
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou este luns, 27 de xullo, a relación de centros participantes no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE). O IES Carlos Casares, en Viana do Bolo, é un dos centros escollidos para esta iniciativa a través da cal o alumnado poderá preparar as probas de certificación das Escolas Oficias de Idiomas (EEOOII) nun nivel de A1 en inglés.
A formación será gratuíta e realizaráse fóra do horario lectivo. No caso do IES Carlos Casares, poderán participar aqueles estudantes que superasen todas as materias do 2º curso da ESO e estean matriculados en 3º. O profesorado encargado de impartir o CUALE realizará probas ao final de curso en cada nivel e a superación das mesmas suporá a expedición dun certificado do CUALE en nivel A1.
O programa vai dirixido a todos os centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional de Galicia. Dentro da provincia de Ourense tamén foi seleccionado o CIFP A Farixa, na propia cidade de Ourense, para unha modalidade B2 en inglés.



