Por segundo curso consecutivo, no marco do Entroido, o IES Carlos Casares proxectaba o documental “Mar de Terra”, no que o músico vasco Kepa Junkera fai unha viaxe moi persoal polos Entroidos galegos máis ancestrais, entre eles os de Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
Desta volta era a alumnado de 1º da ESO o que asistía á proxección, xa que o resto dos estudantes xa podían ver este filme, dirixido polo realizador ourensán José Antonio Blanco e con música orixinal de Kepa Junkera, no 2021. Tras a proxección dábase paso a un pequeno debate sobre este traballo e tamén sobre o valor do Entroido e as particularidades desta ancestral tradición na Galicia interior.
“Logo de coincidir co propio Kepa na presentación de Mar de Terra en Ourense, hai uns anos, e ver o cariño, respecto e profesionalidade coa que se fixo este documental, no IES Carlos Casares tiñamos claro que queriamos que este produto audiovisual pasase a formar parte do currículo que traballamos. Por transversalidade, por compromiso e por suposto por amor cara á nosa tradición máis querida: o Entroido”, explica Ovidio Villar Marcos, profesor do IES Carlos Casares de Viana do Bolo.
Ademais, este docente lembra que “xa o curso pasado, a proxección de “Mar de Terra” formou parte da nosa programación de febreiro, que incluía tamén, entre outras actividades, a gravación e montaxe dun fulión virtual con máis de cen participantes. Este ano quedaba por ver o documental o curso de 1⁰ da ESO, e hoxe, día despois dos Compadres, temos esa proxección con posterior coloquio”.
Unha desas actividades esta este vídeo, protagonizado polos propios alumnos e que percorre algúns dos termos propios do Entroido e rende homenaxe a Kepa Junkera.
Así mesmo destaca que dende o IES Carlos Casares de Viana “entendemos que o Entroido é vida, que todos os Entroidos teñen a súa riqueza, e que coñecelos fai tamén querer e valorar o propio. Esta road movie é un gran exercicio para esa misión. E este ano en DVD!”.
Imaxes cedidas polo IES Carlos Casares de Viana do Bolo.