CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Xermán Ancochea de Trives, finalista do concurso da TVG #DigochoEu

O equipo do programa gravou onte un capítulo co alumnado, sobre o Folión da Mourela pa'ca

Esther Estévez falando co alumnado do IES Xermán Ancochea.

 

O IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives presentouse ao III concurso do #Dígochoeu, o programa da CRTVG que ten como obxectivo achegar o galego dunha forma entretida e dinámica. Para iso, a principio de curso “o alumnado de 1º de Bacharelato argallou unha idea e en decembro foi seleccionado, entre centos de propostas de todo o territorio galego, para gravar un vídeo”, explican dende o centro.

E precisamente por ser finalistas, na xornada do mércores 24 de xaneiro Esther Estévez achegábase a Trives para coñecer un dos Entroidos ancestrais da comarca, o da Mourela p’acá. “A rapazada tocou o fulión, as mázcaras bailaron ao son dos bombos, aixadas, cornas e gaita e mesmo se atreveron a botar unhas coplas”, destacan dende o Instituto, adiantando que dentro duns días, o capítulo poderá verse en todas as plataformas da CRTVG. “Mais haberá que esperar ao mes de maio para coñecer se o centro está entre os tres gañadores do concurso”, aseguran.

 

Un momento da gravación do programa.

 

O Xermán Ancochea non só acolle alumnado de Trives, senón tamén de concellos veciños como Castro Caldelas, San Xoán de Río e Manzaneda e coa participación neste tipo de proxectos, quere “pór en valor o patrimonio cultural da comarca e, sobre todo, que o alumnado coñeza e sexa partícipe das tradicións e costumes da súa contorna máis inmediata”, destacan.

Despois da gravación, Esther Estévez estivo compartindo con todo o alumnado a súa experiencia en televisión demostrándolle á rapazada que falar galego ten futuro.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button