EconomíaEconomíaViticultura

O “II Espírito Ribeiro” ponse en marcha en Castrelo de Miño

 

Esta tarde inaugurábase en Castrelo de Miño a segunda edición da iniciativa “Espírito Ribeiro”, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de agosto, e que ten como escenario ademais do citado municipio os de Arnoia e Cenlle. O acto inaugural contaba coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o conselleiro do Medio Rural, José González; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares.

Espírito Ribeiro pivota sobre tres días de actividades en puntos clave neses tres concellos e arredor do río Miño, as augas termais, o deporte náutico e os produtos de proximidades. Entre as posibilidades de ocio, os visitantes tamén poderán reservar praza no catamarán.

Segundo explican dende os concellos participantes, a proposta foi creada “a medida da proxección das terras do Ribeiro a través do seu produto máis xenuíno, o viño DO Ribeiro” e está concibida para “funcionar como panca da economía da comarca, nun momento clave en que se fai necesario repensar o turismo, promocionar o local e o valor engadido”.

A programación abarca concertos, degustacións gastronómicas, “showcookings”, deporte náutico, termalismo e charlas de representantes do mundo da enoloxía, o turismo e a cultura. “Unha proposta pensada para difundir a riqueza cultural e histórica en que se arraiga un viño milenario, que foi conformando durante décadas a paisaxe natural e cultural dunha comarca única”.

Artigos relacionados

Back to top button