A terceira edición do Foro da Castaña, que comezaba onte en Riós, continúa neste 5 de outubro cunha xornada de conferencias e demostracións prácticas centradas na evolución do sector a nivel internacional, nas demandas dos operadores comerciais respecto ás variedades e calidades do produto, e en temas como a poda ou os enxertos para unha adecuada xestión dos soutos por parte dos produtores.
Así está a desenvolverse a parte práctica do Foro, organizado pola Deputación de Ourense a través do Inorde, con dúas visitas de campo que comezaron en Parada do Sil, da man da Asociación de Propietarios de Soutos de Parada de Sil Canón do Sil, unha agrupación forestal de xestión conxunta. A visita iniciábase na nave de clasificación que permite unha mellor organización do produto tanto para os produtores como para os compradores, permitindo que sexa máis visible a calidade da castaña e tentar, a súa vez, que o prezo da mesma sexa máis estable.
Deste xeito, os produtores de castaña levan a este punto as súas castañas que, posteriormente, son sometidas a un proceso de cribado para organizalas por tamaños (pequena, mediana e grande), tal e como puideron comprobar durante a visita, cunha demostración deste traballo.
Unha vez clasificadas por tamaño, as castañas xa se concentran en sacos para que os compradores poidan seleccionar o produto que lle interesa directamente e así lograron mecanizar o traballo que anteriormente obrigaba aos compradores a ir casa por casa para mercar as castañas. De aí, desprazáronse ata unha plantación de soutos que inclúe exemplares moi antigos, algúns con máis de 30 anos, e por último exemplares que foron plantados nos últimos cinco anos. Trala visita aos soutos tradicionais e ao Castiñeiro Milenario de Entrambosríos, remataron no sequeiro de castaña para comprobar como se realiza a pisa de castaña.
Pola tarde, desprazaranse ata Nogueira de Ramuín para coñecer o traballo que comercialización e transformación da castaña que realiza a Sociedade Cooperativa Galega (SOFRAGAL), completando así a parte práctica do Foro.
Nesta terceira edición do encontro completouse o aforo dispoñible coa participación de máis dun cento de profesionais, entre produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia e representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector, para analizar temáticas técnicas e prácticas que inciden no axeitado desenvolvemento das producións.
Fotos cedidas.