Festas do Cristo O BarcoÚltima hora

O 49 Descenso do Sil reunirá a centos de padexeiros no Barco

Competición e festa ao redor do río na tarde do 12 de setembro
Saída dunha das categorías da pasada edición do Descenso do Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.
Saída dunha das categorías da pasada edición do Descenso do Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

Con case medio século de vida, o Descenso do Sil é a proba máis veterana do Barco. Piragüistas do máis alto nivel e espectáculo deportivo fusiónanse cun ambiente único de festa no río e nas súas beiras. Ademais das numerosas persoas que se congregan para seguir a competición ao longo do curso do Sil son cada vez máis, os que en cada edición se animan a poñer un punto divertido e de cor cun descenso alternativo en canoa.

Desta volta a cita coas piraguas será o 12 de setembro cun programa moi semellante ao de anteriores edicións. Ás cinco e media da tarde o tren fluvial partirá da estación do Barco para achegar ao público ata a liña de saída, baixo a ponte de Sobradelo. Ás seis comezarán a darse as saídas por categorías. E, xustamente cando rematen, o tren partirá e permitirá ir seguindo a evolución da proba durante a súa viaxe de regreso ao Barco. A liña de meta estará situada na praia fluvial do Malecón.

Desta volta espérase de novo alta calidade e unha numerosa participación de clubes de diferentes puntos da comunidade, pero tamén de fóra. Na pasada edición a regata reunía a uns 350 padexeiros de 37 equipos. Este ano o Descenso de Sil será ademais Campionato Galego de Descensos e Travesías. E xunto con padexeiros galegos, tamén acudirán á cita clubs de Asturias, Castela e León e Madrid.

Tamén se prevé unha alta participación de padexeiros locais nesta edición. Ao redor dunha vintena de membros do Club Fluvial Barco participarán nesta baixada, na que intentarán ademais cubrir boa parte das categorías masculinas, pero tamén femininas.Esta proba é puntuable para o campionato galego de ríos.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button