
O lume segue xerando unha enorme preocupación en Valdeorras. O incendio forestal que se iniciaba o pasado xoves en Riodolas (Carballeda de Valdeorras) continúa activo tras queimar unhas 7.500 hectáreas (segundo últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural) nos concellos de Carballeda, O Barco e Rubiá, deixando un rastro de destrución e desolación ao seu paso, con montes queimados, soutos, viñedos, desaloxos e tamén numerosas casas e outras construcións en varias localidades.
Ademais o incendio entraba onte no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá).
Moi pendentes da evolución do lume están veciños de zonas como Portela do Trigal, pola reactivación do incendio nese punto, ou de Rubiá.