ConcellosEn portadaÚltima hora

O incendio forestal de Santigoso (O Barco), que está controlado, queimou 121 has

O lume iniciábase con dous focos “o que amosa a clara intencionalidade” do mesmo, segundo Medio Rural. Producíanse outros dous incendios na provincia, un en Chandrexa de Queixa e outro en Calvos de Randín, que afectou ao Parque Natural do Xurés, ambos están xa extinguidos
Imaxe incendio de Santigoso (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O incendio forestal que se producía ás 20:45 h. de onte, martes 26 de marzo, no concello do Barco de Valdeorras, na parroquia de Santigoso, lograba estabilizarse ás 12:20h. desta mañá de 27 de marzo. Xa ás 15:27h. quedaba controlado.

Este lume iniciábase con dous focos, “o que amosa a clara intencionalidade”, e segundo as últimas estimacións feitas públicas pola Consellería do Medio Rural afecta unha superficie de 121 hectáreas, das cales 11 son de monte arborado e 110 de monte raso. “Este cálculo é aproximado ata que se extinga o incendio”. Nel están traballando 2 técnicos, 10 axentes, 12 brigadas, 5 motobombas, 1 helicóptero e 4 avións.

Outros dous lumes na provincia: en Chandrexa de Queixa e no Parque N. do Xurés

O incendio do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Parada Seca, que comezaba onte ás 22:35 h. quedou extinguido ás 19:28 h desta tarde. Segundo as últimas estimacións afectou 70 hectáreas de monte raso. Para a súa extinción mobilizáronse 4 axentes, 6 brigadas, 2 motobombas, 1 helicóptero e 1 avión.

Extinguido tamén quedaba ás 16:29 h. o lume do concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín, que entrou por Portugal ás 3:40 h. desta madrugada. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada foi de 7 hectáreas de arborado dentro do parque natural do Xurés, o resto está en territorio portugués. Na súa extinción traballaron 4 axentes, 5 brigadas, 3 motobombas e 2 helicópteros.

 

Artigos relacionados

Back to top button