ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O independente Xosé Miguel Pérez, novo alcalde de San Xoán de Río

A súa candidatura resultaba aprobada cos catro votos a favor do RIO e coa abstención dun edil socialista e doutro popular, xa que o cabeza de lista do PP e anterior alcalde non acudía ao pleno

Novo rostro á fronte da alcaldía de San Xoán de Río, que pasa a mans de Xosé Miguel Pérez Blecua, cabeza de lista do RIO, agrupación independente que obtiña catro edís nas eleccións do pasado 26M. Con eses catro votos resultaba elixido alcalde na sesión plenaria que se celebraba no Concello de Río no mediodía deste 15 de xuño.

O edil socialista abstíñase, e o mesmo facía o único edil do PP presente na sesión. Non se presentaba ao pleno o outro concelleiro electo do PP e anterior alcalde, Luis Castro.

Tras tomar posesión do seu cargo como alcalde, Xosé Miguel Pérez lía un discurso no que comezaba lembrando que “traballo, honradez, humildade, honestida e sentido común pola nosa parte foron os piares nos que sustentamos as nosas promesas durante a campaña electoral. O 26M Río desbordou e, grazas á aposta que fixo a veciñanza por nós, gobernaremos os vindeiros catro anos. Antes de nada, queremos subliñar que queremos un goberno para todos os habitantes de Río, non so para os que nos apoiaron: todos os veciños terán os mesmos dereitos e deberes. Ademais trataremos de democratizar o Concello, animando á participación e colaboración de todos aqueles que así o desexen”.

Enunciaba seguidamente cales serán os seus dous grandes obxectivos de goberno nesta lexislatura: “garantir os mellores servizos posible para os actuais habitantes do concello e intenar fixar poboación no rural”. E como medida inicial fará “un inventario completo do concello e unha asemblea aberta a toda a veciñanza para explicar o estado actual do mesmo. Queremos que todos coñezades o punto de partida a partir do cal poderemos comezar a gobernar. Xa en función dos recursos dispoñibles, iremos tomando as primeiras decisións”.

Recordaba o carácter independente de RIO, algo que “seguiremos sendo. Negociaremos e chegaremos a acordos con todos, danos igual a cor política de institucións e concellos. Unicamente negociaremos baixo a premisa de procurar o mellor para San Xoán de Río. A nosa foi unha candidatura transversal, con xente moi diversa e de diferentes ideas, pero que temos en común o de querer o mellor para Río e a vontade de traballar polo ben común e non polo beneificio persoal. Somos un proxecto aberto e en construción”.

Nese senso, Pérez Blecua ofrecíalles aos concelleiros Albino Quinteiro (PSOE) e Iago Cereijo (PP) a “posibilidade de entrar no goberno. En caso de rexeitalo, si vos pedimos unha oposición construtiva, xa que unicamente pode errar quen fai cousas e nós imos intentar facer moitas”.

O novo rexedor finalizaba indicando que “agora toca comezar a traballar para Río volva a figurar no mapa” e expresando o seu agradecemento a todos “polo grande apoio na campaña e durante o 26M”.

Fotos cedidas por RIO.

Artigos relacionados

Back to top button