Malia as limitacións económicas, se o comparamos con equipos de vilas máis grandes e mesmo cidades que compiten ao mesmo nivel, o CD Barco que en setembro comezará a súa sexta tampada en terceira división tralo ascenso na campaña 14/15, logrou facerse un oco entre os equipos destacados do panorama futbolístico galego. Ata o punto de chamar a atención dun xove inglés que está facendo a súa tese sobre o fútbol galego.
Matt MacGinn é investigador predoutoral na Universidade de Nottingham (Reino Unido) e leva dous anos traballando en Vigo sobre a identidade galega e o fútbol (co Deportivo e o Celta como equipos de referencia), para dar forma á súa investigación titulada “Turcos e Portugueses: Unha historia oral de identidade ‘nacional’ e fútbol en Galicia”. Un traballo que o trouxo ata O Barco de Valdeorras.
Aquí, na xornada de onte, martes 10 de agosto, reuníase co presidente do club barquense Nilo Ramos e hoxe, mércores, con Rubén Jares, un dos membros da peña Ultra Sil, para documentarse.