CulturaCulturaÚltima hora

O investigador Miguel García-Fernández, de Guístolas (Río), nos actos do CSIC en Galicia polo Día da Muller

Especializado na historia das mulleres, estará ao cargo da proposta “Conversas con merenda. É posible contar a Historia doutro xeito?”, prevista para o 8 de marzo en Santiago

O investigador Miguel García-Fernández./ Foto cedida.

 

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únese en Galicia á celebración do 8 de marzo, “Día Internacional da Muller”, e do 9 de marzo, “Día do Naturalismo Galego”, e faino con actividades dirixidas ao público xeral en Santiago de Compostela e Pontevedra. Así, para conmemorar o “Día Internacional da Muller” o venres, 8 de marzo, de 18:30h. a 20h. horas, na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), terá lugar “Conversas con merenda. É posible contar a Historia doutro xeito?”.

Trátase dunha conversa distendida e interactiva entre os asistentes e Miguel García-Fernández, natural de Guístolas (San Xoán de Río) e investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, CSIC, Xunta), que está especializado no estudo da historia das mulleres. O obxectivo é debater sobre os silencios (e as resistencias) que aínda persisten, tanto no ámbito da investigación como no da divulgación e no ensino da historia en todos os niveis educativos, en relación co papel e o protagonismo que tiveron as mulleres na historia de Galicia.

A actividade, duns 90 minutos de duración, diríxese ao público xeral e é gratuíta previa reserva. Está coordinada pola Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia coa colaboración do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, CSIC-XUGA).

Para conmemorar o “Día do Naturalismo Galego” hai dúas actividades. Por unha banda, o sábado, 9 de marzo, de 10.00 a 14.00 horas, na Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra), terá lugar “Obradoiro de ilustración científica con Clara Cerviño”. Está promovida polo Consello da Cultura Galega e a Delegación Institucional do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica.
Os asistentes descubrirán como é a ilustración naturalista e cales son as particularidades que a diferencian doutros tipos de ilustración. Para iso, aprenderán a observar con detemento os detalles propios de diferentes especies vexetais e a trasladar ao papel todas esas ideas, facendo un uso do grafito e acuarelas para poder transmitir coñecemento e gozar da natureza.

Por outra banda, o xoves 21 de marzo, ás 10.30 horas, o IEGPS acollerá na súa sede (Santiago de Compostela) o seminario de especialización “Historia das (bio)invasións en Galicia: mecanismos, xestión e impactos no patrimonio natural”, impartido por Sergio Rodríguez Roiloa, da Universidade da Coruña.

Artigos relacionados

Back to top button