Dous anos despois, no mediodía deste martes 7 de setembro, o Irrio Peliqueiro volvía saír acompañando ás bandas polas rúas de Castro Caldelas e marcando así o inicio dos actos na honra á Virxe dos Remedios.
Eran moitas as ganas que tiñan os veciños de poder festexar á súa patroa pero o tempo non acompañaba. De feito, nada máis comezar o pasarrúas poñíase a chover. Así e todo, logo dun pequeno percorrido, a comitiva encabezada polo Irrio e a corporación municipal e seguida pola Banda de Vilanova dos Infantes, polos Trabazos e por Airiños, chegaba ao adro do santuario para facer a ofrenda á Virxe.
Alí era o propio párroco quen daba a benvida aos asistentes, antes de pasar a palabra á alcaldesa, que tivo palabras de agradecemento e lembranza. “A pandemia que estamos sufrindo fixo que o ano pasado non se pudera celebrar nada e este ano estes pequenos actos que imos ter tamén quedarán deslucidos non só pola pandemia senón pola chuvia, pero así e todo a nosa patroa merece que a honremos”, dixo Sara Inés Vega, facendo varias mencións especiais. “Primeiro aos enfermos que quedaron no camiño durante a pandemia e este ano non poden estar aquí, e tamén á xente xove que perdemos por outras enfermidades; e aos nosos anciáns da residencia da terceira idade que sufriron nas súa carnes esas esta grave pandemia”.
Precisamente por todos os que sufriron e están a sufrir, a alcaldesa quixo adicar este día tan especial “a todas as persoas que estiveron apoiando e loitando contra isto”. Dende os traballadores do Concello que en todo momento estiveron dispostos a axudar; os veciños do pobo que cumpriron rigurosamente con todas as restricións; os compañeiros da corporación (equipo de Goberno e oposición),… “Pero se hai alguén a quen adicarlle o día de hoxe é a Protección Civil, empezando polo seu presidente Cristóbal quen cando a pandemia estaba no peor momento, sen medios ou con eles, estivo sempre aí apoiando, desinfectando lugares durante seis meses seguidos, levando comida,… e tamén aos seus compañeiros merecen un recordo especial”, dixo emocionada Sara Inés, dando por inaugurados uns actos sinxelos pero cheos de ilusión.
“Creo que todos os caldelaos están pensando no día das bandeiras, nas procesións, nas verbenas e fogos de artificio, xantares e confraternización… Este ano temos unicamente uns pequenos actos e nin sequera acompaña o tempo pero o que si nos acompaña é o corazón e o bo facer, así que desfrutade do momento e lembrade a esa xente que xa non está e sentía á Virxe dos Remedios no corazón”, concluía.
Segundo as previsitóns esta tarde, haberá contacontos para nenos ás 19h. no xardín do Santuario e ás 22:30h. concerto de María do Ceo (estaba previsto para o día 4 pero retrasouse) na praza do Prado (se chove será no Castelo). Mañá haberá pasarrúas da Banda de Ramirás e ás 12:30h. misa solemne cantada polo coro da Banda que dará dous concertos: un pola mañá na praza do Prado e outro pola tarde, ás 19h. no xardín do Santuario. Pola noite, ás 22:30h. Pili Pampín dará un concerto na praza do Prado (se chove no Castelo). E xa o día 9 de setembro, haberá pasarrúas cos Trabazos, misa cantada polo Orfeón Caldelas e concerto dos Trabazos na Praza do Prado.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.