CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IV Concurso de Podcasts ‘Radio na Biblio’ céntrase na figura do poeta valdeorrés Florencio Delgado

Os centros educativos teñen de prazo ata o vindeiro 29 de abril para presentar proxectos realizados a través do devandito programa de bibliotecas escolares

 

Co obxectivo de “estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos en galego, reforzar a lectura de poesía nesta lingua ou o achegamento ao mundo da edición, da tradución e da cultura galega en América”, a Xunta, en colaboración coa Radio Galega, vén de convocar o IV Concurso de Podcasts ‘Radio na Biblio’, que este ano se centra na figura do poeta, articulista, tradutor, editor, activista cultural e político no exilio Florencio Delgado Gurriarán.

Segundo as bases, poderán participar neste concurso os 138 centros públicos incluídos no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Na terceira edición do certame participaron 69 centros educativos que enviaron 127 traballos.

O certame enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

 

Estudantes nun programa de radio escolar.

 

O concurso consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e unha cuarta para Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos). Cada centro educativo pode presentar un máximo de tres traballos, todos eles en lingua galega, cunha duración de entre tres e cinco minutos. O arquivo sonoro, en formato mp3 ou wav pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico

O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación remata o 29 de abril de 2022. A documentación remitirase ao enderezo electrónico da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Difusión na Radio Galega

O xurado seleccionará dous podcasts por modalidade, que recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio/emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento deste laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os traballos premiados serán emitidos por esta emisora e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.

Artigos relacionados

Back to top button