CulturaCulturaÚltima hora

O libro “A falta dun Edén, a terra” de Mercedes Martínez presentarase en Castro Caldelas o 7 de outubro

É un dos dous novos títulos da Colección [N]. O outro é o poemario "O lugariño" que Iago González presentará no seu Arnuide natal

Cedidas.

 

Dous novos títulos da Colección [N] consolidan neste outono a alianza de Chan da Pólvora Editora con Amastrangallar. Por unha banda, este venres Mercedes Martínez Modroño presenta no Castelo de Castro Caldelas, cun espectáculo de Versofonía, o libro “A falta dun Edén, a terra”. E, pola outra, Iago González homenaxea o seu Arnuíde natal en “O lugariño”, un poemario exquisito e vangardista.

O libro de Modroño, unha das máis recoñecidas activistas da Ribeira Sacra, preséntase este venres 7 de outubro no Castelo de Castro Caldelas, a partir das 18.30 horas, nun acto no que participará a autora e mais o seu dúo Versofonía. “A falta dun Edén, a terra” é un “berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. É un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a converterse nunha imaxe costumista ou, o que é peor, nunha ficción turística”, en palabras da súa autora.

Mercedes Martínez Modroño crea trazos dunha natureza que se mestura co sangue e que atravesa a subxectividade. Pero, por riba de todo, foxe da fosilización nos soños da idea dun pasado mellor. Rexeita a quimera edénica e ancárnase no presente. O libro forma parte dun ambicioso proxecto que a autora desenvolve desde hai tempo. Nel, os textos prolónganse nunha dimensión musical que interpreta en directo co dúo Versofonía e que ten como principal espazo de acción a Ribeira Sacra.

Mercedes Martínez Modroño (A Coruña, 1968) vive na vertente ourensá da Ribeira desde 1999. Aínda que é pedagoga de formación, nos últimos anos traballou no campo da comunicación turística, froito do cal en 2014 publica “Viaxe desde os cantís á memoria. Guía libre para entender Parada de Sil”. Colaborou co diario dixital Praza Pública e outros medios de opinión. Desde 2021, forma parte do dúo Versononía, onde combinan a música e a poesía. Este volume, o seu primeiro poemario, reúne algunhas desas composicións que recita ao vivo.

 

 

“O lugariño”

O outro volume que aparece na Colección [N] é a obra de debut de Iago González, un poeta nacido en Arnuíde, Vilar de Barrio, en 1999 que se deu a coñecer no panorama editorial coa antoloxía Dentes para a mazá, publicada por Chan da Pólvora. “O lugariño” é un libro sobre un lugar (Arnuíde) pero tamén sobre o rural galego, co esplendor da palabra dun poeta que o canta cunha voz fresca, como auga que acaban de sacar dunha mina.

Porén, o que máis brilla neste libro longo e denso, complexo na súa vontade totalizadora, son as persoas, que o poeta vai enumerando como un notario que levanta acta dunha extinción. O propio Iago González asegura que se sente entroncado coa sabedoría dos maiores e coa beleza insondable dos lameiros e da serra. Ese territorio, a palabra que o converte na elipse da velocidade da mente, constrúe os alicerces dun libro poderoso e estraño, inesperado no seu percorrido polos habitantes dunha comunidade refractada no silencio. “O Lugariño“, escribe Olga Novo na introdución ao volume, “é un libro-lugar, intrahistórico mapa total que acolle a tribo enteira, con nomes e apelidos e alcumes, como verdadeira célula de universalidade, con todas as súas dores e clamores e ledicias, contidas na marabilla vangardista do diminutivo afectivo”.

Colección [N]

Colección [N] consolida a súa liña con “A falta dun Edén, a terra” e “O lugariño”, títulos que se unen ao catálogo xeral, onde figuran xa “Seica si”, de Emilio Araúxo, e “Exhibición de Colorado”, de Miriam Sánchez Moreiras.

Esta singular proposta editorial, codirixida polo propio Araúxo xunto a Lopo, con deseño de Manolo Martínez, pretende recoller os efectos do poema e as súas derivacións no diálogodiscurso da liña-verso. Trátase de expoñer ideas nítidas que afloran nos lindes difusos da poesía, un lume que, lentamente, se fai desaparición. Unha cinta que corre.

Artigos relacionados

Back to top button