Dentro da orde do día da vindeira sesión plenaria da Corporación de Quiroga abordarase a situación da estrada N-120 “no tramo comprendido entre as localidades do Barco e Ferreira de Pantón”. O grupo municipal do PP neste concello, cuxo voceiro é o alcalde Julio Álvarez, vén de rexistrar unha moción na que pon de manifesto a mala situación que presenta este vial, indicando que se trata “dunha das estradas máis transitadas, sobre todo, con moito tráfico de vehículos pesados” e que “presenta gran cantidade de fendas e baches que fan perigar a circulación”. E lembra que nela téñense producido varios sinistros nas últimas semanas.
O voceiro popular recorda tamén que “a alcaldía de Quiroga xa se dirixiu no mes de maio de 2018 á Demarcación de Estradas do Estado en Lugo polo mal estado da mesma”. Neste senso, na moción que se debatirá no pleno, o grupo do PP someterá a votación o acordo de “solicitar ao Ministerio de Fomento” o “acondicionamento e mantemento da estrada N-120” e de remitir este acordo aos concellos afectados (O Barco, Vilamartín, A Rúa, A Pobra do Brollón, Monforte e Ferreira de Pantón).