ConcellosÚltima hora

O Mercaberto celebrará a súa décima edición o 24 de agosto no Malecón do Barco

Nesta mostra de oportunidades, que promove O Barco Centro Comercial Aberto, participarán 13 establecementos valdeorreses de diferentes sectores

 

Un dos momentos da presentación do X Mercaberto.

O comercio volve saír á rúa no verán barquense. O vindeiro 24 de agosto o Mercaberto cumprirá unha década. “É unha edición especial posto que son xa dez anos os que dende o Centro Comercial Aberto (CCA), en colaboración co Concello do Barco, vimos organizando este mercado de oportunidades”, explicaba a presidenta do CCA, Sandra Moldes, na presentación desta mostra na mañá do 16 de agosto.

Desta volta serán trece os postos (de sectores que van dende a alimentación ao textil, zapatería ou complementos) que poderán visitarse no seu recinto feiral que, novamente voltará a instalarse no Malecón do Barco cun horario ininterrumpido de 11h. a 23h. Así os establecementos participantes serán: Librería Murciego, Can-Can. Novedades Maribel, D’Chus, A Casiña, Baamonde O Barco, Crash, Nº 37, Costuritas, A Manduca, Fíos Moda, Cool Balea e Okre.

 

Na presentación participaban a presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes, a súa vicepresidenta, Ángeles Rodríguez, e o colaboador Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”.

“Mercaberto é unha feira de grandes oportunidades na que os comercios participantes teñen a posibilidade de promocionarse e vender os seus produtos dunha maneira diferente e no que, ademais, aproveitando que se achega o final do período de rebaixas, ofrecen grandes descontos”, comentaba Sandra Moldes, que comparecía ante os medios acompañada pola vicepresidenta do CCA, Ángeles Rodríguez, e do colaborador Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”.

Ao longo da xornada do 24 de agosto o recinto feiral tamén acollerá diversas propostas para nenos e maiores. “Programamos unha serie de actividades infantís que ocuparán gran parte da xornada para que os máis pequenos da casa poidan desfrutar mentres os maiores buscan e mercan aquilo que necesitan entre os diferentes postos”, matizaba Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button