OurenseÚltima hora

O Ministerio de Cultura investirá 35,5 millóns de euros entre a Biblioteca, o Arquivo Provincial e o Museo Arqueolóxico

 

Visita ao complexo de San Francisco.

Esta mañá (6 de abril), o director general de Bellas Artes y Patrimonio Cultural, Luis Lafuente Batanero, visitou xunto ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; membros da Corporación; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez, as obras do complexo cultural de San Francisco, “o máis importante que está executando o Ministerio de Cultura en todo o Estado”, tal e como sinalou o alto cargo ministerial, quen recalcou que “en ningunha outra cidade se están desenvolvendo obras simultáneamente en Biblioteca, Arquivo e Museo”, poñendo en valor tamén que Ourense é a cidade que máis investimentos en materia cultural ten consignados nos Presupostos Xerais do Estado.

O investimento executado ata a data para construír estes equipamentos culturais (Biblioteca e Arquivo), sinalan dende o consistorio ourensáns, ascende a 19,6 millóns de euros (9,2 executados antes da resolución xudicial que permitiu rescindir o contrato coa empresa que realizaba as obras, e 10,4 desde a reanudación).

Para este exercicio 2017 está comprometido un investimento de 4,2 millóns máis, principalmente para execución da obra, e adquisición dun primeiro equipamento e mobiliario para a biblioteca pública. En total, son 23,8 millóns de euros de investimentos que se suman aos 11,4 millóns previstos para o Museo Arqueolóxico. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou que “estamos ante o proxecto cultural máis ambicioso da historia desta cidade e atreveríame a dicir que de toda a Península”.

O alcalde tamén fixo referencia ao outro gran equipamento cultural da cidade: o Museo Arqueolóxico. “Cunha partida este ano de 250.000 euros por parte do Ministerio, estou seguro de que este será, por fin, o ano no que este tesouro de Ourense volverá a activarse”, cifrou.

Sobre o Museo, ata a data traballouse na redacción dos proxectos básicos e de execución así como de estudos previos do edificio, xa finalizados, por importe de 247.462,88 euros.

Pendente da modificación do Peri, unha vez se obteñan as oportunas licenzas procederáse a licitar as obras. O proxecto de reforma e rehabilitación do Museo contempla un coste de licitación de 11,4 millóns. Posteriormente realizaranse novos contratos para a redacción do proyecto de museografía e o de execución desta.

“Por tanto, estamos ante uns investimentos (realizados ou de próxima realización) que na súa totalidade ascenden a 35 millóns 456 mil 805 euros, entre biblioteca, arquivo e museo Arqueolóxico”, concluiu o alcalde, Jesús Vázquez.

Artigos relacionados

Back to top button