CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil acollerá en setembro a II edición do ciclo de música antiga

Os concertos de "Santa Cristina in musica, un diálogo musical na Ribeira Sacra” serán os días 23 e 30

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez e Conchi da Silva, na presentación no Liceo de Ourense.

 

Na mañá do mércores 19 de xullo o Liceo de Ourense acollía a presentación da II edición do ciclo de concertos “Santa Cristina in musica, un diálogo musical na Ribeira Sacra” nun acto que contaba coa presenza do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez Díaz e da coordinadora do evento, Conchi da Silva.

Na súa intervención, o alcalde suliñou que dende o Concello de Parada de Sil apostan polo “turismo de calidade apoiando iniciativas culturais coma esta que o potencian e que ademais poñen en valor un espazo tan especial como é o mosteiro de Santa Cristina”, lembrando asemade o éxito de público da edición anterior e animando á xente a que asistan e non se perdan “unha oportunidade única”.

Pola súa banda, Conchi da Silva falou da idea do ciclo integrado por dous concertos que “establecen unha dualidade contrastante entre eles”. O primeiro será o sábado 23 de setembro a cargo do acordeonista vasco Iñaki Alberdi, referente do instrumento en España, que fará un programa con obras barrocas de Antonio Soler e J. S. Bach en contraposición a obras do compositor arxentino Astor Piazzolla.

O segundo, o sábado 30 de setembro “será a quenda de dous músicos portugueses auténticos especialistas en música antiga: Pedro Sousa Silva (frautas de pico) e María Bayley (voz, arpa, clave e órgano) con polifonía portuguesa dos séculos XVI e XVII baseada en melodías e cancións populares da época”, dixo da Silva, destacando que se trata “dun contraste por un lado entre música do século XX e a dos séculos XVI e XVII, e por outro entre a sonoridade dun instrumento moderno e a das frautas antigas e o órgano nunha sorte de ‘deconstrucción’ do acordeón, algo que establece unha forte conexión tímbrica entre ambas propostas”. Conchi da Silva por último comentou que as entradas están xa á venda na plataforma eventbrite.es.

“Santa Cristina in musica” conta coa colaboración do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Diputación de Ourense, o Inorde, a  Asociación Pórtico Musical e a Adega Ponte da Boga.

Artigos relacionados

Back to top button