CulturaCultura

O Museo da Limia celebrará o centenario do nacemento de Antón Tovar e pedirá que se lle adiquen as Letras Galegas

Ten previstos unha seria de actos culturais e coordinará unha campaña que demande á Real Academia Galega a concesión do Día das Letras Galegas 2022 ao poeta da Pereira

O poeta Antón Tovar./ Foto cedida polo Museo da Limia.

 

O vindeiro 26 de outubro cumprirase o centenario do nacemento do poeta limián Antón Tovar (A Pereira, Rairiz de Veiga, 26 de outubro de 2021-Ourense, 16 de xuño de 2004). Para conmemorar este aniversario o Museo da Limia (Vilar de Santos) vai promover no territorio limiao unha serie de iniciativas “encamiñadas a difundir e potenciar a obra tovariana e a coordinar unha campaña que demande á Real Academia Galega a concesión do Día das Letras Galegas 2022 ao poeta da Pereira, instando a participación das institucións públicas, dos centros educativos e das asociacións culturais da zona”, tal e como adiantan dende esta entidade, que considera que se trata dunha “magnífica ocasión para promover a difusión e o coñecemento da súa obra e para tributarlle a homenaxe pública da que é merecente o escritor”.

Así mesmo, dende o Museo da Limia destácase que a poesía de Tovar e os seus “diarios teñen sido definidos como a manifestación da autenticidade e da intimidade existencial. As vivencias no territorio natal, que tanto amou, celebración da vida, impregnan boa parte das súas creacións e convértense en cálido agarimo contra a friaxe da existencia. O creador da Pereira decide facer da fermosa lingua campesiña, patria da infancia, a súa expresión poética. No fascinante poemario Calados esconxuros (1980), Tovar fai unha fervorosa defensa da lingua que o identifica”.

Así mesmo, lémbrase que Antón Tovar resultaba elixido Académico de Honra da RAG o día 15 de marzo de 1997 e que o académico Alonso Montero, “amigo e infatigábel valedor de Tovar, ten suliñado en moitas ocasións que o poeta é unha das grandes voces poéticas da Galicia da segunda metade do século XX. Mais logo acrecenta: Pero o escritor Antonio Tovar está moi lonxe de contar co recoñecemento a que ten dereito“.

Dende o Museo da Limia tamén se adiantan a programación prevista para conmemorar o centenario do nacemento do poeta.

Programación:

1. Difusión nas redes
En colaboración con Xeitura S. Coop. Galega, co CEIP Carlos Cid Arregui e coa Biblioteca Pública Antón Tovar de Rairiz de Veiga, acométese a primeira acción do centenario, como se fose un cartaz audiovisual. Varios escolares do colexio do concello recitarán fragmentos da obra de Tovar, que serán gravados en vídeo e difundidos nas redes sociais.

2. Conferencia
Análise e valoración da obra de Antón Tovar por parte dun dos seus estudosos máis cualificados.

3. Mesa redonda
Debate sobre a poesía de Tovar, coa participación de analistas significados.

4. Recitais
Recital dunha escolma de textos da súa obra publicada, na voz dos escolares.
Recital dunha escolma de textos inéditos do autor, na voz de veciños e veciñas do territorio.

5. Evocacións de autores da Biblioteca da Limia
Autores da Biblioteca da Limia elaborarán textos evocadores do poeta e da súa obra para seren publicados na web do museo, como argumentario para reivindicar a dedicación do Día das Letras Galegas 2022.

6. Interpretacións musicais
Actuación de intérpretes que puxeron música a poemas do autor

7. Exposición
En colaboración con diversas entidades, exposición de libros, manuscritos, fotos e obxectos relacionados co autor e a súa creación.

Artigos relacionados

Back to top button