CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Museo Ramón Cabanillas amosa o singular vínculo entre o poeta e o mosteiro de Samos nunha exposición

A mostra, con textos e fotos do académico Francisco Fernández Rei, é a primeira de carácter temporal que permite contemplar material do legado da familia Cabanillas

O académico Francisco Fernández Rei, na exposición./ Foto: Xosé Luís Santos Cabanas.

 

No mosteiro lucense de Samos o poeta Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) encontraba a paz nunha etapa difícil da súa vida. “Despois dun camiño triste e longo na posguerra, pois, ademais da morte da súa muller, andou de concello en concello como secretario interino, sen renunciar ao seu pasado galeguista, en Samos Cabanillas atopou a paz, a soidade e o silencio que tanto arelaba”, explica Francisco Fernández Rei, académico da Real Academia Galega (RAG).

A esta abadía o poeta adicáballe un poemario que levaba o seu nome como título e que saía do prelo 10 de novembro do 1958. Coincidindo co 65 aniversario desa publicación, o museo dedicado a Cabanillas en Cambados inauguraba o pasado venres, 10 de novembro, a exposición O seu último paraíso. No 75º aniversario da chegada de Cabanillas a Samos, con textos e fotos do académico Francisco Fernández Rei. A organización desta iniciativa correu a cargo da Concellaría de Ensino, Cultura e Patrimonio de Cambados e Jose Vaamonde asumiu o deseño para o relato preparado por Francisco Fernández Rei.

Este á ademais a primeira mostra de carácter temporal que achega material do legado da familia Cabanillas, entre o que se atopan cartas dirixidas ao académico de distintos persoeiros da cultura galega como Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño e o abade mitrado de Samos, Mauro Gómez, que quería facer unha edición de luxo do “poema” do mosteiro. A xoia deste material é o mecanoscrito de Samos, que na cuberta ten, con letra do propio Cabanillas, frases en latín para o comezo e para o final, que non aparecen na edición de Galaxia.

Ramón Cabanillas chegaba ao mosteiro por primeira vez o 24 de agosto do 1948 e volveu refuxiarse nel os tres anos seguintes, ficando nas súas instalacións no verán e parte do outono. Estas estadías resultaban ben frutíferas, tal e como suliña Fernández Rei, tamén natural de Cambados. “Na estancia entre os frades bieitos, ultimou a edición de Camiños no tempo (1949), que inaugurou a editorial Bibliófilos Gallegos, e da Antífona da cantiga (1951), libro inaugural do proxecto sociocultural de Galaxia; e compuxo Samos, onde versificou a historia do mosteiro bieito e glosou a vida monacal”. Así esta última obra, engade, “como ben dixo Méndez Ferrín é o seu testamento literario e é recoñecido por todo o mundo como o cumio da linguaé o primeiro grande ensaio xeral de lingua culta, de lingua literaria galega“.

Nos paneis da exposición abórdase a estancia de Cabanillas no mosteiro, a través da correspondencia do poeta con xente amiga; o incendio que se produciu o 25 setembro do 1951 por un accidente na destilaría de licor, días antes de que o autor deixase a abadía samonense; e, sobre todo, aténdese á obra Samos. Figuran mostras de poemas da edición de Galaxia do 1958 ilustrado por Agustín Portela, e follas do borrador dun mecanoscrito previo a esa edición; aténdese á recepción do poemario no seu momento, a través de cartas de amigos e de recensións na prensa da época, e tamén se ten en conta a valoración da obra a cargo de diversos estudosos.

Así esta mostra permite descubrir unha parte do legado do autor de Fefiñáns, que durante anos conservou e aumentou Pitusa Vidal Cabanillas, quen o doou ao concello. A xenerosidade desta neta e afillada do poeta, que sempre arroupou coa súa presenza todo acto sobre o autor de Samos en calquera lugar onde se celebrase, acaba de ser recoñecida polo Concello de Cambados ao poñerlle o seu nome ao salón de actos da Casa da Calzada, que acubilla o museo dedicado ao creador de Vento mareiro.

Artigos relacionados

Back to top button