EntrevistasÚltima hora

“O noso obxectivo é achegar o crecemento persoal e a educación emocional ao rural e na nosa lingua”

Elvira e Laura, nai e filla valdeorresas, crearon hai cinco anos InCrescendo Colectivo "A arte de escoitar o corazón", unha cooperativa formativa coa que puxeron en marcha un programa específico dirixido a mulleres rurais

 

Das experiencias e inquedanzas de Laura Fernández, galega de nacemento e sentimento, xurdía a idea dun proxecto educativo no que decidía involucrar á súa nai, Elvira Fernández, quen na súa etapa formativa se decantara pola rama da docencia (Maxisterio e mestrado en Educación Infantil).

Así nacía InCrescendo Colectivo “A arte de escoitar o corazón”, unha coooperativa 100% valdeorresa que ten como meta “promover a educación emocional e o crecemento persoal nas zonas rurais, apoiándonos nos nosos propios valores, tradicións e natureza, para converter as persoas no verdadeiro motor da sociedade”.

Cinco anos despois de poñer en marcha o proxecto, e con motivo do Día da Nai, as súas artífices cóntannos en primeira persoa a súa experiencia. “Cando, con 4 anos, cheguei á escola sabendo ler, comprendín a sorte que tiña de ter unha nai mestra. Emprender con Elvira 35 anos despois é o meu xeito de devolverlle aquel agasallo que me abriu un mundo de oportunidades”, asegura Laura.

 

Laura e Elvira. 

 

Que é InCrescendo Colectivo e como xorde?

Somos unha cooperativa formada por dúas mulleres valdeorresas convencidas de que o crecemento persoal e a educación emocional poden cambiar as nosas vidas. Aínda que estes conceptos se están a poñer de moda ultimamente, o noso obxectivo é achegalos ao mundo rural, na nosa lingua, adaptándoos ao medio e ás nosas circunstancias, porque para nós o verdadeiro crecemento nace desde dentro.

Laura: Curiosamente, o xerme deste proxecto nace en 2011 na Sala dos Dereitos Humanos da ONU en Xenebra, onde, desde unha pequena cabina de interpretación, escoitei por primeira vez a miña voz interior impoñerse ao discurso dos delegados internacionais. Naquel mesmo intre, decateime de que o soño polo que levaba loitando dez anos chegara á súa fin e que a voz que realmente necesitaba facerse escoitar a era a do meu pobo ou, dito doutro xeito: alí non precisaban de min. Obviamente (ri) tardei uns anos en repoñerme e comprender aquela mensaxe pero, como non podía enganarme a min mesma, púxenme en camiño sen saber moi ben cara onde ir…

InCrescendo Colectivo debutaba en Valdeorras en 2016 como un proxecto piloto centrado na educación emocional. ¿Como evolucionou nestes cinco anos?

Ese foi un dos primeiros pasos. No meu periplo internacional, unha das cousas que máis botei en falta eran referentes, mulleres que pasaban anos estudando fóra comprometidas cos seus soños. Por outra banda, observaba unha grande diverxencia entre os valores cos que me educaron aquí e un mundo cada vez máis competitivo e hostil. Por iso, a nosa primeira actividade estaba dirixida á xente nova, nun intento de axudala a descubrir os seus propios talentos e familiarizala cos conceptos da intelixencia emocional, moi presente en ámbitos urbanos, pero inexistentes aquí por ser a grande esquecida dos plans de estudo, malia a súa importancia para desenvolvernos en calquera eido das nosas vidas.

A partir de aí, todo foi in crescendo. Nos últimos dous anos, por exemplo, aproveitamos para formarnos (coaching, emprendemento, marketing…) e desenvolver a estratexia, que tivemos que redeseñar en varias ocasións por mor da pandemia.

 

Elvira cos cativos nunha xincana literaria na biblioteca de Petín.

 

Nese tempo, realizastes máis actividades? A quen ían dirixidas e cal foi a resposta da poboación?

En 2020 realizamos algunhas actividades puntuais nos concellos da zona dirixidas a mulleres e nen@s (xincana literaria, obradoiros de empoderamento, retos nas redes sociais…). A resposta foi boa e, grazas a iso e á nosa paixón, decidimos a dar o salto ao emprendemento.

Laura: Gustaríame puntualizar que a clave para avanzar non son as certezas senón a forza incansable da voz interior. De feito, baseándonos na nosa propia experiencia, a verdadeira vocación de InCrescendo Colectivo consiste en achegar as persoas á “arte de escoitar o corazón” porque para cambiar o mundo primeiro temos que cambiar nós… ou algo así dicía Gandhi, non? (risas).

No voso caso, que aporta Elvira e que Laura?

Elvira aporta o seu exemplo coma muller fiel aos seus valores, que antepón as necesidades colectivas ás individuais. Desde o punto de vista profesional, achega a súa formación en educación infantil e a súa experiencia en distintos eidos educativos e… unha parte dos seus aforros ao capital da cooperativa. Laura, ademais doutra parte do capital, aporta visión e paixón e a súa particular bagaxe profesional (linguas, organización de eventos, produción cinematográfica) que enriquece o proxecto a través de contactos, experiencias… A conclusión á que chegamos é que independentemente do reto que nos propoñemos temos moito gañado e nunca partimos de cero.

Isto último ten algo que ver coa visión que mencionas?

Si, agora mesmo, grazas a esa bagaxe, InCrescendo Colectivo participa nunha alianza de entidades de diferentes países (EE.UU, Canadá, Reino Unido e Perú), comprometidas co crecemento persoal e, sobre todo, co legado que queremos deixar ás novas xeracións.

Parte do compromiso de InCrescendo Colectivo consiste en poñer en valor cualidades consideradas tradicionalmente femininas coma a colaboración, a intuición ou a empatía nun mundo rexido durante séculos pola competitividade, o medo ou o individualismo. Isto outórgalle outra dimensión, xa que falamos dun proxecto pioneiro que está a suscitar o interese de expertos a nivel internacional. Se conseguimos que as mulleres do noso rural se convertan nun motor de cambio grazas a unha mellor xestión emocional o noso exemplo podería servirlle a mulleres doutros lugares. Polo momento, xa recibimos un convite para participar nun intercambio de experiencias con mulleres da Amazonía que terá lugar en canto rematen as restriccións da pandemia e que pode resultar moi enriquecedor para a familia de InCrescendo Colectivo.

 

Laura na sede da ONU en Xenebra, en maio de 2011.

 

Falando de familia, como é traballar nai e filla? Parecédesvos fisicamente e creo que na forma de entender a vida, tamén na forma de traballar?

Se temos en conta que a relación nai-filla é considerada un dos vínculos máis complexos das relacións humanas, esta experiencia non é só un desafío senón tamén unha oportunidade de superar as nosas diferenzas, recuperar tempo perdido e adoptar unha actitude máis madura no noso día a día. O enfoque cooperativista resulta tamén de grande axuda, xa que ambas participamos no proxecto ao 50% e compartimos os mesmos valores herdados dos nosos antepasados: humildade, responsabilidade, paciencia, compromiso, amor, autonomía, liberdade… Ademais, ambas pertencemos a dúas xeracións fortemente condicionadas polas obrigas familiares ou as metas profesionais e, a través deste modelo, aspiramos a complementarnos para acadar un equilibrio persoal e laboral.

Laura: Cando, con 4 anos, cheguei á escola sabendo ler, comprendín a sorte que tiña de ter unha nai mestra. Emprender con Elvira 35 anos despois é o meu xeito de devolverlle aquel agasallo que me abriu un mundo de oportunidades.

Que é “Namórate da túa vida!”?

É o noso programa de crecemento persoal dirixido a mulleres rurais. Conta con dúas modalidades, un programa de coaching personalizado e un reto gratuíto de 21 días de 3 obradoiros virtuais e un grupo de Facebook privado no que traballamos a resiliencia (ou como saír fortalecida das adversidades), a conexión (ou como aprender a escoitar a nosa voz interior) e a creatividade (ou como descubrir o noso potencial e cumprir os nosos soños). A través dun enfoque práctico e lúdico, conseguimos crear espazos de confianza e liberdade. De feito, este é un dos aspectos máis valorados do programa:

“O obradoiro deume a posibilidade de falar sen sentir vergonza e estame axudando a verme reflexada nas demais e así, con elas, contigo, comprendo que somos moitas con moita carga e ao compartilo síntome liberada”.

Malia que todas as participantes (máis de 30 polo de agora) recoñecen observar melloras na súa vida cotiá, os resultados máis espectaculares obsérvanse en mulleres que están comprometidas co seu crecemento persoal, dispostas a realizar pequenos cambios para cumprir os seus soños (aumentar a súa auto-estima, coidar a súa saúde ou mellorar as súas relacións, por poñer só algúns exemplos).

 Con que frecuencia se realiza este reto e cando terá lugar a vindeira edición?

Celebramos un reto gratuíto cada mes. A inscrición para a 4ª edición -que se celebrará os xoves 6, 13 e 20 de maio ás 20 horas a través de zoom- pode realizarse aquí: increscendo.gal/namorate (prazas limitadas).

Artigos relacionados

Back to top button