CulturaCulturaÚltima hora

O ocultismo na obra de Vicente Risco, no novo libro de Félix Castro

“Do Doutor Alveiros á Porta de Palla" será presentado o vindeiro 17 de setembro na sede da Fundación Vicente Risco

 

A sede da Fundación Vicente Risco en Allariz acollerá o vindeiro venres 17 de setembro, ás 20 horas, o libro “Do Doutor Alveiros á Porta de Palla: o ocultismo na obra e vida de Vicente Risco” de Félix Castro Vicente. O acto contará coas intervencións de Félix Castro Vicente, autor, e Felipe Senén López Gómez, así como coa da presidenta da fundación, Celia Porto.

Esta obra, publicada pola Fundación Vicente Risco, foi a gañadora do XXIV Premio CCSS Vicente Risco e pretende ser un primeiro achegamento ao importante papel que xogou o ocultismo na obra e vida deste autor. Así, o libro amosa como “o ocultismo tivo unha influencia fundamental no pensamento de Risco durante a súa vida e está presente en toda a súa obra, tanto xornalística, ensaística, como de ficción, en elementos e citas espalladas aquí e acolá. Aparece dende as súas primeiras obras como D’o caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros até as últimas como pode ser Orden y Caos ou La Puerta de Paja”, sinalan dende a Fundación Vicente Risco.

Así mesmo, despois da Guerra Civil e na Ditadura o propio Risco, engade a fundación, “destruíu cartas, libros e calquera cousa que lle comprometera e relacionara coa heterodoxia e o ocultismo, pero non puido acochar os seus artigos anteriores, en Revistas como A Centuria e Nós. Tamén se conservan
apenas unhas poucas cartas en diferentes Arquivos que o relacionan coa Sociedade Teosófica Española e con ocultistas de recoñecido prestixio coma o teósofo estremeño Mario Roso de Luna”.

Todo elo vale para artellar parte dun crebacabezas pendente de reconstruír, o da relación dos intelectuais e escritores daquela altura cos movementos ocultistas galego e ibérico.

Artigos relacionados

Back to top button