
Na fin de semana do 23 e 24 de novembro o Orfeón Valdeorrés viaxaba a Logroño para celebrar por todo o alto a festividade de Santa Icía, patroa dos músicos.
Tal como explica a presidenta, Rose Deus, foron dous días de convivencia (foron case todos os membros do coro), nos que visitaron Santo Domingo de la Calzada e Logroño, e “gozamos da compañía, a cultura, o bo ambiente e, como non, da música que tivo o seu momento culmen coa misa Valdeorras cantada na concatedral de Santa María da Redonda onde fomos acollidos polo vigairo, D. Víctor Jiménez, con moitísima amabilidade e agradecemento”.
A misa Valdeorras, cantada con moito corazón, “soou brillante”, di Rose. De feito, o propio vigairo quedaba gratamente impresionado pola beleza desta obra que “pon de manifesto o coñecemento da música coral e a gran sensibilidade do seu autor, José Ramón Mansilla, director do Orfeón Valdeorrés”.
E, co tempo xusto de asimilar os bos momentos vividos nestes días, o Orfeón ponse se novo a traballar para preparar, con moita ilusión, o concerto de panxoliñas que terá lugar o día 14 de decembro, no Teatro Lauro Olmo ás 20 horas. “Neste concerto é posible que actúe algunha outra asociación musical do Barco”, adianta a presidenta.
Na seguinte semana, días previos ao Nadal, cantarán a misa e darán un concerto de Panxoliñas na Igrexa Parroquial de Fontei (A Rúa). Será o 21 de decembro ás 19:30 horas.



