En portadaÚltima hora

O oso pardo, unha oportunidade de desenvolvemento económico para o rural

Así se demostraba no decurso da xornada "Os espazos naturais, un motor económico para o rural", celebrada o 20 de abril en Seoane (Folgoso do Courel)

 

A presenza do oso pardo constitúe un activo máis para o desenvolvemento económico do rural. Posúe un poder de imaxe e de simbolismo enorme e con capacidade de activar outros recursos do territorio. Así se destacaba no decurso das ponencias e na mesa redonda da xornada “Os espazos naturais: un motor económico para o rural”, que se desenvolvía na tarde do 20 de abril na Estación Científica de Courel, en Seoane do Courel.

Este encontro constituía ademais unha das últimas accións do Proxecto Life Oso Courel (neste caso coa colaboración da Asociación de Desevolvemento Rural Serra do Caurel). “O proxecto Life está a rematar e a nosa intención é continuar a traballar no territorio con estea mesma liña de traballo: a conservación do oso e a coexistencia desta especie coas actividades humanas na Serra do Courel. Penso que nestes case catro anos de traballo se avanzouse intensamente nese senso, pero queda aínda traballo que facer e cremos que, ademais diso, o oso pode ser tamén utilizado como un potencial factor de desenvolvemento rural”, destacaba na apertura da xornada Óscar Rivas, técnico do Life Oso Courel, que tamén agradecía o apoio neste proxecto de todos os axentes do territorio.

 

Acto de apertura da xornada en Seoane./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

De feito, cun claro exemplo de como a conservación da biodiversidade e da natureza, tendo tamén referente ao so, pode ser un revulsivo nun territorio encetábase a xornada. Belarmino Fernández Fervienza, alcalde de Somiedo e presiente do seu GDR e tamén da Mesa Asturiana de Desarrollo Rural (con presenza de 71 dos 78 municipios de Asturias); explicaba o proxecto desenvolvido nas últimas décadas neste municipio de alta montaña. Todo comezaba coa declaración do Parque Natural de Somiedo, o primeiro de Asturias, en 1988.

Daquela esta era unha das zonas máis deprimidas de Asturias, cunha migración masiva e na que se vivía exclusivamente da gandería de carne. Conscientes do valor da súa natureza, un grupo de xente, do que formaba parte o alcalde, apostou polo parque natural como dobre elemento de conservación e desenvolvemento do municipio. “Víamos que era moi importante esa dualidade, que o turismo podía ser un factor de desenvolvemento”, indicaba Belarmino Fernández, que detallaba cada un dos pasos que se foron dando nese proxecto, facendo fincapé no valor que tivo e segue tendo a gandería para poder levalo a cabo.

 

O alcalde de Somiedo, Belarmino Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A gandería constitúe a base da biodiversidade e da conservación de Somiedo”

“Un dos maiores éxitos de Somiedo é que mantemos unha gandería moi potente, de feito temos hoxe máis vacas que cando se creou o parque, no entorno de 8.000 vacas e 140 gandeiros a título principal. A riqueza de Somiedo son os pastos comunais. Os pobos de alta montaña son os mellores en gandería e onde máis se desenvolveu o turismo, o maior problema témolo nas zonas baixas, con menos poboación e con menos desenvolvemento en gandería. E, contraditoriamente co que a xente opina ás veces, non é só compatible a gandería e o turismo, senón que se retroalimentan”, resaltaba o rexedor.

Ademais, esta actividade tradicional con métodos modernos de explotación representa a “base tamén da biodiversidade e da conservación de Somiedo, non hai maior desastre ecolóxico que un pobo ou unha braña abandonada”, recalcaba Fernández Fervienza.

Apuntaba ademais que o parque natural “foi a base para poder desenvolvernos e a base para a promoción turística foi o oso supuxo a nostra fiestra. Durante anos dicíamos veña vostede ao país dos osos, porque ter osos en liberdade, aínda que daquela non se vían, é unha garantía de calidade ambiental. Nos anos 80 o oso vívía unha situación crítica en Asturias, dicíase que non chegaba ao ano 2000, e invertir iso foi o inicio e a creación do parque de Somiedo”. Tamén explicaba como se traballou na convivencia do oso con outros sectores como a gandería e a apicultura. “É certo que houbo certas dificultades, pero estase demostrando que é posible. A honra de Somiedo é ter sido o inicio da recuperación do oso”.

 

Fernando Ballesteros durante a súa ponencia./ Foto: Carlos G. Hervella.

O oso dende un enfoque social e económico

Na figura do oso como elemento dinamizador do rural dende un enfoque social e económico centraba así mesmo a súa intervención Fernando Ballesteros Bienzofas, da Fundación Oso Pardo (FOP). Comezaba expoñendo os resultados dunha enquisa realizada hai unhas semanas polo proxecto Life Oso Courel, da man de Beatriz Rodríguez-Morales, para determinar o impacto na zona da presenza do oso e tamén das medidas existentes para compensar os efectos da mesma, como por exemplo, os ataques aos colmeares. Entrevistabase a unhas 200 persoas (dos municipios de Quiroga, Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Samos e Triacastela), de perfís moi diferentes, se ben máis da metade eran apicultores.

“Esta é unha zona de expansión á que están chegando os osos, despois deste positivo crecemento nos últimos anos. A presenza de osos no Courel e esa expansión cara o sudoeste da Cordilleira Cantábrica e que colonice territorios que antes eran oseiros é clave para garantir a conservación desta especie. E, aínda sendo O Courel un territorio ao que o oso chegou recentemente, fronte a moitos anos de experiencia de non convivir con el, estamos en niveis de percepción xeral do oso similares ou incluso nalgúns casos máis altos dos que hai noutros lugares da Cordelleira Cantábrica. O 65% dos enquisados opina positivamente da compatibilidade do oso e do mundo rural, fronte ao un 20% que opina negativamente. Hai unha opinión razoablemente positiva cara un futuro de convivencia co oso aquí”, resaltaba Ballesteros.

Por outra banda, aludía ás oportunidades de investimento económico e de creación de emprego que pode supoñer a presenza de oso pardo nun territorio, botando man dunha estimación estatística co impacto económico e de creación de emprego desta especie na Cordilleira Cantábrica, realizada por expertos da Universidade de Oviedo e que se publicará en breve. “Supón un impacto económico grandísimo. O oso está aportando moito máis do que custa”.

 

Mesa redonda coa que concluía a xornada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Mesa redonda

O programa da xornada concluía coa mesa redonda “A conservación da natureza e o patrimonio como recurso da montaña cantábrica”, na que participaban, ademais dos ponentes anteriormente citados, Roberto Castro, presidente do Xeoparque Montañas do Courel (que inclúe os municipios de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel); e de Xosé Luís Otero, coordinador das Estacións Científicas da USC.

“Temos que respectar ao oso, que é unha oportunidade, pero tamén compensar os danos. A admistración ten que ser máis áxil no pago das indemnizacións, pero tamén o oso é algo que é patrimonio de todos”, comentaba Otero, ao fío do debate plantexado entre os apicultores afectados polos ataques, que pedían unha maior rapidez á hora de xestionar as compensacións polas perdas.

Pola súa banda, o presidente do Xeoparque Montañas do Courel lembraba que este é o “único xeoparque de Galicia, trátase dunha figura recoñecida pola Unesco e teño que dicir que o Xeoparque pelexa por moitas cousas e tamén pola conservación, pero que non é en si mesmo unha figura de protección, é dicir, que nós sexamos territorio xeoparque non aporta a este debate máis protección nin máis condicionantes. Pero si é certo que a nosa estratexia é integrar e sumar, é dicir, o oso está claro que é un recurso moi importante, que se debe loitar por manter, aínda que tamén hai que ter en conta as sensibilidades das persoas”.

Debido ás restricións de aforo por causa da pandemia de Covid, esta xornada tiña aforo limitado e retransmitiuse en directo pola canle de You Tube da FOP. Entre os asistentes ao encontro estaba tamén a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button