
O Ourense Film Festival (OUFF) continúa presentando a programación da 29º edición, coa que chegarán a Ourense grandes filmes internacionais e nacionais e actividades pensabas para toda a familia, transformando a cidade no epicentro do cine durante os días do evento.
Nesta edición a “Sección Inéditos: Autoras” continuará poñendo en valor o traballo de directoras nacionais con 6 estreas de películas que, ainda que datan do 2024 ou 2023, non pasaron pola cidade. Con esta programación a dirección do OUFF procura destacar o traballo das directoras protagonistas, tanto pola calidade das películas que presentan como polas temáticas e olladas que mostran. Nesta sección o público poderá coñecer as obras Mamífera (2024) de Liliana Torres; Los pequeños amores (2024) de Celia Rico; Nina (2024) de Andrea Jaurrieta; Políticamente Incorrectos (2024) de Arantxa Echevarría; Sica (2023) de Carla Subirama e Un sol radiant (2023) de Mònica Cambra e Ariadna Fortuny.
Cine familiar
O OUFF tamén conta con programación para os máis cativos, no ciclo de Cine Familiar. Nesta ocasión as películas elexidas serán “El viaje de Ernest y Célestine” e “El colegio de los animales mágicos 2: El Origen”.
Música
A Xove Orquestra Ourensanía volve a mostrar a fantástica relación entre o cinema e a música, nesta ocasión cun tributo ao compositor John Williams. A orquestra, a única formada por músicos de toda a provincia, leva dende o seu nacemento no ano 2021 ligada ao cine, con concertos en todas as edicións do OUFF dende esa data. Para a 29º edición interpretarán obras dos filmes de Star Wars nunha función única o día 29 de setembro ás 12:00, no Auditorio Municipal de Ourense.