O Festival de Cine de Ourense, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro, presentou hoxe a súa programación completa baixo a presenza de Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Rubén Saavedra, director territorial de Abanca en Ourense; Xosé Pastoriza, director de La Región; e Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF.
Ademais de debullar a programación, o director adiantou que “este venres 23, que inauguramos o festival, terá un especial protagonismo na gala María Casares”. Entre as novidades de programación tamén engadiu que “ademais de case un centenar de filmes, sendo un estímulo audiovisual, o OUFF está traballando incansablemente en novas liñas de produción propia de exposicións, libros e formación”.
Manuel Baltar quixo destacar que estamos ante a edición máis ourensá do festival. “Nunca Ourense acolleu tan poucas rodaxes en tan pouco tempo e, tamén grazas ao esforzo do equipo do OUFF, nunca houbo tanto cinema da terra entre a programación do OUFF”. Isto constata que Ourense está dando pasos firmes para situarse nunha posición privilexiada dentro do sector audiovisual, cunha vintena de porducións para cine e televisión gravadas na provincia nos últimos tempos.
Continuando con esta liña, Anxo Lorenzo deixou claro que “o de Ourense é o festival do cine de Galicia” ao converterse, sobre todo nesta edición, “nunha cita ineludible co noso audiovisual, un punto de encontro para o sector e un escaparate para as novidades, cunha programación chea de diversidade e tamén de calidade”.
Tanto Rubén Saavedra como Xosé Pastoriza quixeron celebrar que Ourense volva ser “unha cidade de cine”. Mentres que o primeiro fixo público que se sinte estreitamente vencellado ao festival dende o seu inicio porque desenvolve un papel fundamental para a economía e o turismo na zona, o segundo animou á cidadanía a “escribir o guión do seu propio futuro”.
Así será o festival: proxeccións
Cunha edición na que se pasarán máis de 70 longametraxes procedentes de países como Francia, Serbia, Croacia, Bulgaria, Eslovaquia, México, Argentina, Puerto Rico ou Colombia, -ata facer un total de 25-, o OUFF presenta unha Sección Oficial na que todas as películas se poderán ver por primeira vez en Galicia. Ademais, no caso de Restos do vento, de Tiago Guedes; Perfume de gardenias, de Macha Colón; How I learned to fly, de Radivoje Andic; e O corpo aberto, de Ángeles Huerta; o pase do Festival de Cine de Ourense tamén suporá a súa estrea española. Dentro da mesma sección, O home e o can, de Ángel de la Cruz, terá no festival a súa estea mundial e A mazá de ouro, de Jaime Chávarri, un pase especial. O director, ademais, tamén recibira a Calpurnia de Honra e ofrecerá unha masterclass arredor da dirección de actores e actrices.
O OUFF contará tamén con varias seccións paralelas como Inédito en Ourense, Sesións Especiais, Ciclo Xacobeo, Cine e auga, Panorama Galicia, Cine e literatura, Cine na cadea, Ciclo Nicolás Echevarría, Ciclo Unam, OUFF Series ou Cine Familiar, unha amplia amalgama do mellor cinema internacional para todos os públicos e todas as idades.
As entradas para as sesións de pago poderán adquirirse a partir de mañá, mércores 21 de outubro na páxina galicine.es ou no despacho de billetes dos Cines Ponte Vella. No tocante ás sesións que teñan lugar en sedes como o Cineclube Padre Feijoo ou o Teatro Principal, o público poderá retirar unha entrada de balde a partir dunha hora antes do inicio da sesión no lugar da proxección e, no caso do Teatro Principal, tamén facer unha reserva na súa web.
Actividades paralelas: dende música ata exposicións
A esta programación tamén se suman actividades paralelas como a exposición “Manual de Dirección. Cineastas de Galicia” da autoría do fotógrafo ourensán Xulio Gil e comisariada por Xosé Enrique Acuña, que consta de 52 grandes retratos dos principais directores e directoras de cine que desde hai máis de 30 anos protagonizan o mundo da creación cinematográfica en Galicia; a reconstrucción que Pepe Coira fará do desaparecido filme Canto de emigración, de Antonio Román; a masterclass “Pensando no son” a cargo de Carlos Faruolo; roteiros de cine pola provincia; o I Encontro Estatal da Plataforma Audiovisual de Produtoras de España; a presentación da Ourense Film Commission; ou a mesa redonda “Ficción televisiva. ¿Cómo nacen las historias?, entre outras.
Para completar esta edición, haberá dúas actividades onde a música ten especial protagonismo: a celebración do centenario de Nosferatu con música en directo da Ensemble OU Camera Obscura -con integrantes da Real Filharmonía de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia, e o festival “Ourense pola paz”, no que se contará con artistas como Xoel López, Habitación Vudú, Extrema Urgencia, Cómplices, Javier Gurruchaga e Javier Parisi e se estreará o videoclip “Dejemos sitio a la paz”. Para os dous eventos xa se poden adquirir as entradas a través de ataquilla.com