CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O Pandigueiro, polos bosques triveses

Este personaxe mítico do Nadal da montaña do oriente ourensán saía ao encontro dos participantes na ruta de sendeirismo familiar celebrada o 3 de xaneiro en Trives

O Colexio de Santa Leonor era o punto de partida da ruta de sendeirismo familiar con contacontos que organizaba o Concello de Trives na mañá do 3 de xaneiro. A partir de aí tiña lugar unha camiñata duns 6 km que discorría entre bosques de rebolos e castiñeiros, cun chan sementado de follas douradas.

Durante o traxecto nenos e maiores sorprendíanse coa presenza de diversos personaxes. Primeiro atopaban a cabana onde descansaba o Pandigueiro e logo vían como recollía paus para facer xoguetes de madeira, ou mesmo como uns máxicos apañacastañas se lle aparecían na casa mentres el durmía para axudarlle a facer os seus traballos.

A ruta continuaba e máis adiante, na antiga Fábrica de Chocolate, dúas nenas xogaban na súa casiña agardando que chegara o Pandigueiro con castañas e xoguetes pola noite. O sono facía que quedaran durmidas, mentres o Pandigueiro aparecía e lles deixaba xoguetes de madeira e contos. E así, cunha larpeirada de agasallo para cada un dos camiñantes, remataba esta primeira e máxica ruta do ano, incluída no programa de Nadal do Concello de Trives.

Fotos: Concello de A Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button