ConcellosEntroido 2020Última hora

O Parlamento galego apoia a declaración do Entroido de Viana como festa de interese turístico nacional

Resultaba aprobada a proposición non de lei presentada pola deputada socialista Noela Blanco

Boteiro de Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No marco da Comisión de Turismo do Parlamento de Galicia resultaba aprobada nesta mañá de 6 de febreiro unha proposición non de lei presentada polo grupo socialista para pedirlle á Xunta que apoie a declaración do Entroido de Viana como Festa de Interese Turístico Nacional. A iniciativa foi presentada pola deputada ourensá Noela Blanco, quen pedía o apoio da Xunta para impulsar os trámites legais para proceder á dita declaración.

Blanco lembraba na súa intervención que o Entroido de Xinzo da Limia acaba de conseguir a distinción como festa de interese turístico internacional e Verín é de interese turístico nacional, “mentres que o de Viana do Bolo segue agardando os trámites necesarios que recoñezan o valor da súa festividade máis importante”. Nesta liña Blanco indicaba que o Entroido desta localidade “cumpre con todos os requisitos para recibir dita distinción que fomentaría o impulso económico da rexión”.

O texto da iniciativa aprobada recolle que o “Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a apoiar a declaración do Entroido de Viana do Bolo como de “interese turístico nacional” e a realizar todos os trámites recollidos na Orde ITC/851/2019 do 25 de xullo, para solicitar ao Goberno de España a declaración do Entroido de Viana do Bolo como Festa de Interese Turístico Nacional”.

Pola súa banda, o deputado do grupo popular Carlos Gómez Salgado aseguraba que a Xunta apoia a declaración do Entroido de Viana do Bolo como festa de interese turístico nacional, pero matizaba que corresponde ao Concello realizar todo o procedemento para a súa remisión ao Goberno do Estado. “Se desde o Concello de Viana do Bolo dispoñen de todo o necesario, a Xunta emitirá informe positivo e tramitará o expediente para que o Goberno central declara o entroido desta localidade como de interese turístico nacional”, concretou.

Carlos Gómez salientou que o Entroido de Viana do Bolo “é un dos máis importantes de Galicia, que cumpre todos os parámetros e ten todos os merecementos para ser considerado de interese turístico nacional”. Ademais, indicou que “estará incluído como ben de interese cultural ao ser un dos entroidos tradicionais de Galicia, grazas á proposición non de lei do Grupo Popular que foi aprobada o pasado ano”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button