PolíticaÚltima hora

O Parlamento pide á Xunta que inicie á maior brevidade a contratación das obras da OU-533

Saía adiante na comisión 2ª da Cámara galega unha iniciativa impulsada polo BNG

Secundino Fernández, deputado do BNG no Parlamento galego.

 

Esta mañá saía adiante na Comisión 2ª do Parlamento galego unha iniciativa impulsada polo BNG para pedir que a estrada OU-533 (ente A Gudiña e A Rúa) se arranxe na maior brevidade posible e que a Xunta a incluír unha partida específica nos orzamentos de 2025 para a execución das obras. Na iniciativa que o deputado nacionalista defendeu reclamábase que o proceso de contratación das obras se fixese antes de que rematase o 2024 pero o PP pediu substituír “antes de 2024”, por “na maior brevidade posible”.

Fernández quixo lembrar que o BNG se interesou “numerosas veces polo seu arranxo e mellora” e salientou a importancia de acometer as obras dunha vía “de grande importancia como elemento vertebrador do oriente ourensán. A estrada transcorre durante 50 km por unha zona de montaña cun trazado moi sinuoso e co porto de montaña do alto de Covelo, no termo municipal de Viana do Bolo, onde tamén provoca problemas ao tráfico rodado e aos peóns ao seu paso pola vila “polo sinuoso e angosto do seu trazado nesta travesía”, subliñou.

O parlamentario do BNG advertiu que “estamos ante unha estrada con abundantes curvas, o que lle confire unha especial perigosidade”, á vista do importante número de accidentes que houbo ao longo do seu trazado, algúns deles de moita gravidade e con numerosas mortes. A sinuosidade e perigo é aínda máis importante no tramo duns 20 km entre A Gudiña e Viana do Bolo, no que “non hai ningún carril para os vehículos lentos e as zonas para adiantar son practicamente inexistentes”, advertiu.

Fernández insistiu na importancia da OU-533, xa que se trata dunha estrada que ten unha importante circulación ao servir de eixo do oriente ourensán, unindo a comarca de Valdeorras coa A-52 na Gudiña. Tamén circulan por esta estrada moitos vehículos e grande numero de mercadorías que se dirixen cara o norte de Portugal e que proceden de Valdeorras,de Lugo ou mesmo da comarca do Bierzo, León, Asturias e incluso Cantabria. Ademais inflúe no incremento do tráfico a estación da liña de AVE da Gudiña, que leva a moitas veciñas e veciños da comarca de Valdeorras e de Viana do Bolo a utilizar dita vía. Estamos polo tanto ante unha vía de moito tráfico, cun alto volume de tráfico pesado.

Durante a comisión, o portavoz do PP de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, explicou que a Xunta xa ten elaborado un estudo previo para determinar as necesidades de mellora da estrada OU-533, analizando as necesidades de acondicionamento deste viario ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos. En concreto, este estudo dividiu a estrada en catro sectores: conexión coa N-525, desde o quilómetro 0 ao 1; treito de A Gudiña a Viana do Bolo, desde o quilómetro 1 ao 15; a travesía de Viana do Bolo, entre o quilómetro 15 e o 22,5; e o tramo entre Viana do Bolo e A Rúa, desde o quilómetro 22,5 ao 50.

“Diante deste estudo, a Xunta considerou prioritario a intervención no tramo entre A Gudiña e Viana do Bolo, e, por iso, o pasado 16 de febreiro asino a orde para redactar o proxecto de acondicionamento deste tramo, que incluirá a mellora de interseccións, renovación da capa de rodaxe, sinalización, balizamento e defensas, así como o incremento e mellora de zonas de adiantamento, principalmente mediante a implantación de carrís adicionais”, apuntou. Roberto Rodríguez manifestou que o investimento estimado para esta actuación superará os 15 millóns de euros e a previsión é ter redactado este proxecto a finais deste ano 2024, co fin de iniciar as obras unha vez estea supervisado a información pública.

Tamén o PSdeG avogaba pola mellora da OU-533 no decurso da comisión parlamentaria. A deputada  Carmen Rodríguez Dacosta aseguraba que a mellora desta estrada do oriente ourensán “é unha reclamación histórica do PSOE, que leva anos loitando por un proxecto que permita ampliar os carrís de adiantamento, mellorar o firme e corrixir varias curvas perigosas do actual trazado. Estamos falando dun eixo de mobilidade que entronca na actualidade a comarca de Valdeorras e o Oriente ourensá coa A-52 e coa estación de AVE da Gudiña”.

Así mesmo Dacosta considera que as melloras na OU-533 ”repercutirían de forma moi positiva no desenvolvemento económico, facilitando que os produtos melloren a súa posición nos mercados nacionais e internacionais”.

Back to top button