Coincidindo co día do patrón da cidade, o San Martiño, o Concello de Ourense organiza para este domingo 11 de novembro, unha das festas con maior arraigo popular: o Magosto, declarada de interese turístico de Galicia. Será no centro da cidade, no parque Barbaña, e contará con todos os ingredientes propios desta data.
A fogueira comezará a arder ás 17 horas, e só media hora despois comezará a venda de tíckets, a 1 euro, para recoller o menú desde as 18 horas: cucurucho de castañas, pan con chourizo e viño ou auga. Haberá tamén obradoiros infantís e animación musical a cargo dos Daniñas e da Agrupación AOFT Gomes Mouro.
En total, a Concellería de Cultura repartirá 2.000 bolos preñados (50 máis para celíacos), 1.000 quilos de castañas asadas, 100 botellas de viño e 1.600 de auga. A zona de cola, para os tíckets, estará cuberta por unha carpa, e haberá valados delimitando a fogueira por motivos de seguridade.