Continúan os actos conmemorativos do 50 aniversario do Centro de Deportes Barco, nesta ocasión en forma de colección.
Na mañá deste xoves 28 de setembro o presidente do club, Nilo Ramos, asinaba coa empresa Cromogal a autorización para realizar o álbum de cromos “50 anos con vos. Pasado, presente e futuro”. Unha colección “moi especial na cal se percorrerá estes 50 anos de vida do CD Barco, con cromos e fotos exclusivas, co que tentaremos sorprender á afección”, di Ramos.
Tal como el mesmo explica, a publicación contará tamén con fotos de todos os equipos en competición e de cada xogador coa súa ficha, así como das escolas de fútbol que xestiona o club, algo similar ao publicado no 2018, pero nesta ocasión e como novidade “cada xogador do club terá o seu álbum personalizado coa súa foto na portada”, adianta o presidente.
O álbum será gratuíto mentres que cada paquete de cromos terá un custo de 1,20 euros e “tentaremos telo na maioría das librerías e quioscos aos cales se lles obsequiará cunha camiseta do 50 aniversario pola súa axuda na distribución da colección”, asegura o presidente, adiantando que organizaran unha festa no Campiño de Viloira con mesas doces e dj para presentalo e repartir os álbumes a cada neno. Malia non ter data, Nilo asegura que intentarán que sexa moi pronto, “igual no mes de novembro”.
