ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O paseo do seminario á catedral abre a cerimonia de toma de posesión do novo bispo de Astorga

Monseñor Jesús Fernández percorría as rúas desta cidade leonesa acompañado polo nuncio monseñor Bernardito Auza, entre outras autoridades

Pouco despois das dez da mañá deste 18 de xullo, a banda municipal de Astorga rompía o silencio matutino do sábado. As rúas comezaban a encherse de fieis que avanzaban ata a praza do Seminario para dar recibir a monseñor Jesús Fernández González, novo bispo asturicense.

A solemne procesión comezou puntual, anunciada por redobres de tambor e flanqueada por un grupo de maragatos vestidos con rechamantes traxes rexionais. Monseñor Jesús Fernández pisou a alfombra floral ás dez e media da mañá, acompañado do nuncio, monseñor Bernardito Auza, o administrador diocesano, José Luis Castro, o alcalde da cidade, Juan José Alonso Perandones, e o arzobispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio Barrio, entre outros.

 

Durante o paseo.

 

A comitiva percorreu unha rúa peatonal baixo a brisa mesetaria ao son da banda municipal, do grupo maragato e das gaitas de Sartaina. Cada poucos metros, o bispo detíñase para saudar aos fieis que se congregaban a ambos lados da rúa e nos balcóns engalonados con bandeiras. As vistosas cores das túnicas dos clérigos contrastaban cos matices pardos dos edificios da cidade.

A Policía Nacional, a Policía Local e Protección Civil velaron pola seguridade durante o percorrido e polo cumprimento das medidas sanitarias.

 

Preto das 11, chegaron á praza de Eduardo Castro, pasando diante do popular Pazo Episcopal, obra do arquitecto catalán Antonio Gaudí, e da catedral da diócese. Tras unha breve pausa fronte ao adro, a música cesou e monseñor Jesús Fernández cruzou o pórtico barroco da fachada principal para dar comezo á eucaristía. Dentro, fixéronlle entrega da mitra e, cun hisopo, bendeciu aos presentes antes de que pechasen o portón.

Debido á actual situación de nova normalidade, causa da pandemia do coronavirus, o aforo dentro da catedral estaba estritamente limitado, polo que moitos devotos non puideron asistir á celebración do inicio do seu ministerio episcopal.

Texto: Víctor Santos | Astorga

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información e fotos: https://osil.info/toma-posesion-o-novo-bispo-de-astorga-monsenor-jesus-fernandez/
https://osil.info/monsenor-jesus-fernandez-xa-e-o-novo-bispo-de-astorga/

Artigos relacionados

Back to top button