OurenseÚltima hora

O Pazo de Moldes, en Boborás, acolle a entrega de galardóns do XXXVII Premio Antón Losada Diéguez

 

No mediodía deste sábado 11 de xuño, o Pazo de Moldes, en Boborás, que fora a casa natal dunha das figuras centrais da historia do galeguismo, acollía o acto de entrega de galardóns do Premio Antón Losada Diéguez, correspondentes ás edicións de 2022 e 2020 (esta última pendente de celebrar como consecuencia da pandemia). Un certame que convocan anualmente os concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense, e que conta coa dotación máis alta dun premio literario en Galicia: 12.000 euros distribuídos a partes iguais en dúas categorías: creación literaria e investigación e ensaio.

Na súa intervención neste acto, o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández repasou a implicación da institución provincial coa figura do escritor “patrocinando desde o primeiro momento este certame”, do que lembrou foi instaurado en 1985 cando se lle dedicou a Antón Losada o Día das Letras Galegas. Xunto a el tamén se deron cita no Pazo de Moldes o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a alcaldesa de Boborás, deputada provincial de Cultura e presidenta da Fundación Losada Diéguez, Patricia Torres; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; rexedores da comarca; membros do Padroado, do xurado e representantes do eido cultural ourensán e galego, entre outros.

 

Un momento da entrega de premios.

 

Galardóns de 2022

Polo que respecta á edición da 2022, o xurado elixiu por unanimidade a novela de Santiago Lopo, A carteira, editada por Xerais, como gañadora na categoría de creación literaria. Denuncia social, humor e unha narrativa áxil e dinámica que favorece a lectura foron algunhas das consideracións realizadas polo xurado sobre esta obra. En investigación e ensaio, o xurado decantouse polo traballo titulado Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, editado por Belagua Ediciones y Comunicación. O seu autor, Roberto Mera, sobriño e neto do protagonista, recupera a figura deste industrial e político que galego que axudou a escapar a máis de 17.000 persoas da represión da ditadura franquista.

Galardóns de 2020

Debido ás medidas sanitarias adoptadas como consecuencia da pandemia aínda estaban pendentes de entrega os premios correspondentes á edición de 2020, cuxos gañadores recibiron as súas distincións no mesmo acto de hoxe.

Trátase de Eduard Velasco, pola obra Os días felices de Benvido Seixas, editada por Xerais, no apartado de creación literaria. O xurado considerou que o escritor ofrece “unha novela ben estruturada na que participan personaxes moi traballados, cun ton humorístico logrado, que evita as modas e onde se contan as peripecias con frescura”. No apartado de investigación e ensaio o premio foi para Camilo Nogueira polo traballo Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), tamén publicada por Xerais. O ensaio, declarou entón o xurado, “é o derradeiro elo dunha triloxía dedicada a Galicia como nación no mundo, nunha interpretación suxestiva que se basea nun importante coñecemento e reflexión da Galicia dos últimos cinco séculos”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button