DeportesÚltima hora

O pelotón da Volta 18 chega mañá ao oriente ourensán

Entrará na provincia pola Mezquita e pasará polas comarcas de Viana do Bolo, Valdeorras, Terras de Trives e Caldelas, en plen Ribeira Sacra
Pelotón da Volta 18.

Xunto co Giro de Italia e o Tour de Francia, a Volta é unha das grandes roldas do calendario ciclista internacional, e este ano cumpre a súa 73 edición. Saía de Málaga o 25 de agosto e rematará en Madrid o 16 de setembro cun total de 21 etapas, unha das cales discorre por 11 concellos da provincia de Ourense, pasando ademais por outras zonas de Galicia, Andalucía, Castela A Mancha, Castela León, Asturias, Cantabria, País Vascos, Cataluña, Andorra e Madrid, cun percorrido total de 3.271,4 quilómetros.

Despois da etapa 10, practicamente na metade do percorrido, con 172,5 quilómetros chairos entre Salamanca e Fermoselle, o pelotón afrontará a etapa máis longa con 207,8 quilómetros entre Mombuey (na provincia de Zamora) de onde sairán o mércores 5 de setembro ás 10:30h. e Luíntra, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, en plena Ribeira Sacra onde estará situada a meta.

 

Perfil da etata 11.

Segundo a definición do ex ciclista e asesor técnico da Volta, Fernando Escartín, trátase dunha etapa accidentada de media montaña, sobre un terreo moi sinuoso, propicio para as fugas, con tres portos de terceira (Alto do Padornelo a 1.325 metros, Alto do Covelo a 1.035 metros e Alto de Santigueiro a 850 metros) e un de segunda (Alto de Trives a 790 metros). “É probable que chegue en cabeza un grupo reducido de favoritos, como xa sucedeu en 2016 nesta mesma meta”, adianta Escartín.

Os ciclistas entrarán en Ourense por Vilavella (concello da Mezquita) e percorrerán os municipios da Gudiña, Viana do Bolo (Pradocabalos, San Cibrao, Mourisca, San Mamede, Alto do Covelo), O Bolo (Santa Cruz, Outar de Pregos), Larouco, A Pobra de Trives, San Xoán de Río (Sas de Penelas), Castro Caldelas, A Teixeira (Lumeares), Parada de Sil (Cristosende, Chandrexa, Valado, Caxide) e Nogueira de Ramuín (Cerreda, Luíntra). A onde chegarán en torno ás 17:30h. coa posterior entrega de maillots.

 

 

Mapa da etapa Mombuey-Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button